Chantada sinala os seus mellores recunchos para contemplar a eclipse solar do 12 de agosto

Chantada segue a preparar aos seus veciños e visitantes para un dos acontecementos astronómicos máis agardados do ano. O Concello elaborou un cartel informativo coas localizacións máis axeitadas para seguir o fenómeno. No centro urbano, os puntos suxeridos son o parque Eloísa Rivadulla, o Mercado Gandeiro, a zona do Muíño da Alameda e o parque das Piscinas.
Fóra do núcleo urbano, recoméndase calquera zona con vistas despexadas cara ao Monte Faro, así como o propio monte, ademais doutros enclaves como Pedrafita, Veiga e Mariz.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, fai un chamamento á responsabilidade cidadá de cara á xornada do 12 de agosto, salientando a importancia de respectar as normas de seguridade tanto na observación da eclipse como nos desprazamentos e na elección do lugar desde o que contemplala. O rexedor destaca que o obxectivo é que todos poidan gozar desta "eclipse única" coas máximas garantías.
Desde o Concello tamén se recomenda ter decidido con antelación o punto de observación e repartirse entre as distintas localizacións habilitadas para evitar aglomeracións. Neste sentido, o Concello, en colaboración coa Subdelegación do Goberno, despregará dispositivos de seguridade tanto na vila como no Monte do Faro.