Chantada promociona o seu carácter de Municipio Starlight na feira Festur celebrada en Silleda

O Concello de Chantada participa un ano máis na feira Festur, celebrada en Silleda entre o 4 e o 7 de xuño, dentro do marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. O evento reúne propostas turísticas e culturais de toda a comunidade e consolídase como un importante escaparate de promoción para os municipios galegos.
Neste contexto, Chantada conta cun espazo propio desde o que presenta algúns dos seus principais recursos turísticos, culturais e patrimoniais. Entre eles destaca o Folión de Carros, unha das expresións máis singulares do municipio, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e Ben de Interese Cultural.
A promoción complétase con información sobre o Camiño de Inverno a Santiago, que atravesa o municipio e desde o que se poden obter os quilómetros necesarios para a Compostela, así como sobre o Entroido Ribeirao, unha das celebracións máis representativas da zona, e a Feira do Viño de Chantada, que abre cada ano o calendario das feiras do viño na Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Un dos elementos destacados da presenza de Chantada nesta feira é a difusión da súa condición de Municipio Starlight, grazas á calidade do seu ceo nocturno en espazos como o Monte do Faro ou a ribeira. Estes enclaves ofrecen condicións óptimas para a observación astronómica e forman parte da estratexia de promoción turística do municipio.
En Festur, Chantada tamén lembra aos visitantes que, tras o eclipse solar total previsto para o 12 de agosto, o miradoiro natural do Monte do Faro será un punto privilexiado para a observación das Perseidas.