Chantada reúne este sábado artesanía, comercio local e actividades para toda a familia no Merca Sacra

RibeiraSacraXa
A xornada terá lugar na Praza de España e incluirá música en directo, obradoiros infantís, xogos tradicionais e un sorteo de dous vales de 500 euros
merca-sacra-2026
23 Sep 2026

Chantada acollerá este sábado, 26 de setembro, unha nova edición de ‘Merca Sacra’, o mercado de artesanía e produtos organizado polo CCA Ribeira Sacra na Praza de España. A xornada combinará propostas comerciais e artesanais con música, xogos e actividades pensadas para diferentes idades.

A programación musical comezará ás 11.00 horas coa Agrupación Tradicional Casa da Música de Chantada, que ofrecerá un pasarrúas itinerante e un concerto diante da Casa da Cultura. Searas tomará o relevo ás 13.00 horas cun novo pasarrúas, mentres que Son de Lume actuará ás 16.00 horas e Os Barrios ás 17.00 horas.

Xa pola tarde, Tirapralá ofrecerá un concerto ás 19.00 horas no Cantón e Daquid oasma pechará as actuacións musicais cun pasarrúas a partir das 20.00 horas.

O espazo infantil e familiar contará con seis obradoiros repartidos en dúas quendas. Pola mañá haberá propostas de elaboración de libélulas e bolboretas, atrapasoños e artesanía en coiro. Pola tarde repetiranse os obradoiros de atrapasoños e sumaranse actividades de máscaras de animais, pintacaras e tatuaxes.

A programación para os máis pequenos completarase con contos na rúa, que pecharán a quenda da mañá, e unha sesión de marionetas ao remate das actividades da tarde. Tamén haberá xogos como béisbol e diana interactivos, xogo da ra, lanzamento de aros e derrubamento de latas, ademais doutras propostas tradicionais e de habilidade.

A iniciativa inclúe ademais a campaña ‘Merca e gaña’. As persoas que realicen compras entre o 21 e o 26 de setembro nos establecementos asociados ao CCA Ribeira Sacra poderán presentar os seus tíckets no Merca Sacra para recibir un agasallo e participar no sorteo de dous vales de compra de 500 euros.

A actividade está organizada polo CCA Ribeira Sacra e conta co financiamento da Deputación de Lugo.

0.14762306213379