Chantada reúne este martes á selección de Indonesia e ao Palma Futsal no I Torneo de Fútbol Sala Terras do Asma

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O Pabellón Municipal acollerá desde as 20.30 horas unha cita que pon fronte a fronte ao Timnas Futsal Indonesia e a un dos equipos máis destacados do fútbol sala español
torneo-futsal-terras-do-asa-chantada
18 Aug 2026

O Pabellón Municipal de Chantada acollerá este martes, 18 de agosto, o I Torneo de Fútbol Sala Terras do Asma, unha cita que enfrontará á selección nacional de Indonesia, Timnas Futsal Indonesia, co Palma Futsal. O partido comezará ás 20.30 horas.

O torneo está organizado pola SD Chantada coa colaboración do Concello e do adestrador chantadino Héctor Souto, que desde 2024 exerce como seleccionador nacional de fútbol sala de Indonesia.

A expedición indonesia chegou a Chantada o pasado 11 de agosto e, desde entón, desenvolveu diferentes actividades deportivas e de convivencia. Durante a súa estancia realizou varios adestramentos, disputou un partido co Parrulo de Ferrol, participou no memorial organizado pola SD Chantada e este domingo realizou o saque de honra no encontro do equipo chantadino.

A visita da selección tamén incluíu actividades fóra da competición. O grupo, formado por máis dunha vintena de persoas, puido desfrutar do eclipse solar en Chantada, asistir aos preparativos dos carros do Folión, coñecer a Ribeira Sacra do Miño e compartir momentos de lecer na vila.

“Están impresionados con lo amable que es la gente, fue una conexión muy bonita a pesar de la barrera idiomática, convivieron muy bien con la cultura local. Son días de integración con prácticas deportivas compitiendo en España, referente mundial de fútbol sala, y experiencias de vida porque la mayoría es la primera vez que salen de Asia”, explica Héctor Souto.

O seleccionador concibiu esta concentración en Chantada como unha preparación para o Torneo Seis Nacións, que se celebrará en outubro en Brasil. A estadía deportiva completarase este martes co torneo no Pabellón Municipal e cun novo partido previsto para o día 20 en Noia.

A presenza do combinado indonesio xerou unha notable expectación durante estes días na vila do Asma. A expedición ten previsto regresar a Iacarta o domingo, 23 de agosto.

No marco da súa visita, o equipo foi recibido este luns pola tarde na Casa da Cultura de Chantada polo alcalde, Manuel Lorenzo Varela, e outros integrantes do equipo de goberno. Durante o encontro intercambiáronse experiencias e abordouse o resultado da estadía, coa expectativa de poder repetir unha visita destas características no futuro.

A reunión serviu tamén para presentar o torneo que se celebra este martes e que permitirá ver en Chantada á selección indonesia fronte a un dos equipos de referencia do fútbol sala español.

O Palma Futsal chega á cita como subcampión da UEFA Champions League e conta con tres títulos desta competición. Ademais, foi tres veces campión da Intercontinental.

Pola súa banda, o Timnas Futsal Indonesia está a protagonizar un cambio no panorama competitivo do sueste asiático, nunha zona na que Tailandia viña dominando o fútbol sala.

0.12032890319824