Chantada reúne artesanía, comercio e música na feira Merca Sacra

A Praza de España de Chantada acolle estes días o Mercado de Artesanía e Produtos na Ribeira Sacra, Merca Sacra, unha iniciativa organizada pola Asociación de Empresarios do municipio coa colaboración da Deputación de Lugo.
O deputado provincial de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz, visitou este sábado o evento, que conta cunha achega económica da institución provincial de case 17.000 euros.
A feira reúne postos dedicados a diferentes ámbitos da artesanía, con propostas de cerámica, téxtil, madeira e xoiería, ademais dunha programación cultural e de lecer destinada a complementar a actividade comercial.
No apartado musical, o programa inclúe as actuacións da Agrupación Tradicional Casa da Música de Chantada, Tirapralá e Daquid Oasma. As actividades tamén reservan un espazo para o público infantil, con diferentes xogos e obradoiros, entre eles propostas para elaborar libélulas, atrapasoños e pezas de artesanía en coiro.
Durante a visita, Iván Castro Díaz destacou o apoio da Deputación a este tipo de iniciativas e sinalou que “desde a institución provincial apoiamos este tipo de eventos porque contribúen a fortalecer o tecido económico, promover os produtos de proximidade e aproveitar o potencial da Ribeira Sacra como motor económico, turístico e cultural”.