Chantada renova o miradoiro Sobre Cabo do Mundo con novas estruturas e varandas

O Concello de Chantada vén de rematar os traballos de mellora e modernización do miradoiro Sobre Cabo do Mundo, situado en Nogueira de Miño, un enclave desde o que se pode contemplar a zona de ribeira do Miño neste punto da Ribeira Sacra.
A actuación foi realizada pola brigada municipal de parques e xardíns, que substituíu as estruturas de madeira existentes e instalou novas varandas para mellorar as condicións do espazo e adaptalo á contorna.
O persoal de parques e xardíns encárgase ademais ao longo de todo o ano dos labores de desbroce e mantemento dos miradoiros municipais para favorecer a súa conservación.
O Concello de Chantada conta con cinco miradoiros no seu termo municipal, dos cales catro están situados sobre o río Miño e outro no monte do Faro, nun espazo natural integrado na Rede Natura 2000, declarado Lugar de Importancia Comunitaria e espazo Starlight.
Os miradoiros con vistas ao Miño son os de Terra Branca, Líncora, Sobre Cabo do Mundo e Sernande. Nestes dous últimos, a Concellaría de Turismo realizou actuacións de mellora das instalacións.
Dentro das actuacións previstas neste ámbito, a Concellaría de Turismo de Chantada prepara agora a reforma integral do miradoiro de Líncora.