Chantada programa novas actividades de astroturismo e unha charla sobre a eclipse solar de agosto

RibeiraSacraXa
O astrofísico Borja Tosar e a optometrista Teresa Feás participarán nun encontro divulgativo gratuíto no Auditorio Municipal
eclipse-total-de-sol-recurso
3 Aug 2026

O Concello de Chantada continúa impulsando durante o mes de agosto unha ampla programación gratuíta centrada no astroturismo. Dentro destas actividades, o vindeiro 6 de agosto celebrarase unha nova sesión de observación estelar guiada promovida pola Oficina de Turismo, mentres que o día 7 terá lugar unha charla divulgativa sobre a eclipse solar prevista no Auditorio Municipal a partir das 20.00 horas.

O encontro contará coa participación do astrofísico Borja Tosar e da optometrista Teresa Feás, que achegarán aos asistentes información e recomendacións sobre este fenómeno astronómico. A iniciativa busca divulgar o coñecemento do universo entre a cidadanía e aproveitar a condición de Chantada como Municipio Starlight, unha certificación que recoñece a calidade do seu ceo nocturno.

Desde o Concello destacan tamén que o municipio se sitúa nunha posición privilexiada para a observación do eclipse, xa que poderá contemplarse durante un longo período dentro da franxa de totalidade. Segundo as previsións, o fenómeno comezará ás 19.32 horas, alcanzará a súa totalidade ás 20.29 horas e rematará ás 21.22 horas.

Para facilitar a observación, o Concello identificou diferentes puntos recomendados. No casco urbano propoñen o Parque Eloísa Rivadulla, o Mercado Gandeiro, a contorna do Muíño da Alameda e o Parque das Piscinas. No resto do municipio destacan o Monte Faro e outras zonas con vistas despexadas cara a este espazo, así como localizacións nas parroquias de Pedrafita, Veiga e Mariz.

Ademais, a administración local editou un cartel informativo destinado a veciños e visitantes no que se recollen tanto os mellores lugares para seguir o eclipse como as principais medidas de seguridade. Entre elas, lembran que nunca se debe mirar directamente ao sol sen protección adecuada e que é imprescindible empregar lentes homologadas conforme á norma ISO 12312-2. Tamén recomendan non utilizar cámaras nin outros dispositivos ópticos sen filtros específicos.

As lentes de protección facilitadas pola Deputación de Lugo xa foron distribuídas entre os participantes dos campamentos infantís municipais e, a través dos servizos sociais, estanse a entregar tamén aos colectivos máis vulnerables.

0.11654186248779