Chantada presenta o programa infantil para o Nadal

A concellaría de Igualdade do Concello de Chantada organiza unha completa programación de actividades para este Nadal orientadas a favorecer a conciliación durante estas Festas, con interesantes propostas de ocio para nenos e nenas.
No Pavillón Municipal de Chantada desenvolveranse do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, os Campamentos de Nadal. As actividades terán horario de 10:00 a 14:00 horas, coa opción do Servizo de Madrugadores en horario de 8:00 a 10:00 horas para as familias que así o soliciten. Os días 25 de decembro e o 1 de xaneiro non haberá Campamentos de Nadal.
Ademais na Casa da Cultura organízanse diferentes obradoiros creativos que imparte a empresa local Velaísca, para maiores de 8 anos. Terán lugar os días 23, 27 e 30 de decembro e 2 de xaneiro de 12:00h a 13:30 horas.
Este ano, como novidade, prográmanse obradoiros pola tarde. Así os días 26 de decembro e 3 de xaneiro de 17:00 a 18:30 horas, estes talleres destínanse a idades de 5 a 7 anos e, para maiores de 7 anos seguirán as propostas en horario de 18:30 a 20:00 horas.
As inscricións para as distintas actividades poden facerse na Casa da Cultura desde este martes, día 10 de decembro, ata o día 18, ambos os dous incluídos. Poden facelo en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00 a 20:00 horas de luns a venres e os sábados de 10:00 a 14:00 horas. Para os obradoiros da Casa da Cultura as prazas están limitadas a 25, que se cubrirán por orde de inscrición.
A programación infantil do Concello de Chantada complétase coas actividades que desenvolverá a concellaría de Cultura no Auditorio Municipal e na Biblioteca con diferentes sesións infantís que terán lugar entre o 20 de xaneiro e o 2 de decembro.
Os máis novos vivirán o día grande destas Festas, o 5 de xaneiro, coa Cabalgata de Reis que dará comezo ás 18:30 horas. Despois do desfile polas rúas da vila, as Súas Maxestades recibirán ás nenas e nenos no Auditorio Municipal onde haberá chocolatada popular