Chantada pecha o verán cun 33,4 % máis de peregrinos no Camiño de Inverno e novas nacionalidades

A Oficina Municipal de Turismo de Chantada fixo balance da tempada de verán, comprendida entre xuño e setembro, un período no que o concello desenvolveu un programa de actividades orientado a dar a coñecer o municipio baixo o selo Starlight, impulsando unha axenda de propostas de divulgación e observación astronómica.
Segundo os responsables municipais, os resultados obtidos e as enquisas de valoración recollidas entre os participantes confirman a aposta do concello polo turismo científico e de natureza. Deste xeito, Chantada consolídase como un referente neste ámbito, amosando que o coidado dos seus ceos nocturnos constitúe un recurso turístico complementario capaz de diferenciar o municipio dentro da oferta do territorio.
A actividade máis recente dentro desta liña de astroturismo tivo lugar este mesmo mes coa proposta inmersiva 'Ceo no Camiño', unha iniciativa divulgativa que combinaba o Camiño de Santiago cos ceos certificados Starlight, pondo en relación estes dous atractivos propios do municipio.
Máis de 600 peregrinos no Camiño de Inverno
Desde a Oficina de Turismo tamén se subliñou o crecemento sostido de peregrinos que selan a súa credencial en Chantada. Entre xuño e setembro contabilizáronse 643 peregrinos, o que representa un incremento do 33,4 % respecto ao mesmo período do ano anterior. Xuño, xullo e setembro foron os meses de maior afluencia, seguindo unha pauta semellante á rexistrada en 2025.
Do total de peregrinos atendidos, o 77,66 % procedía do territorio nacional, con Madrid, a Comunidade Valenciana, o País Vasco, Cataluña e Andalucía como principais puntos de orixe. Os peregrinos internacionais supuxeron o 22,4 % restante, chegando sobre todo desde Portugal, Estados Unidos, Canadá, Alemaña e Reino Unido.
O Camiño de Inverno está ademais favorecendo a chegada de perfís procedentes de países até agora pouco representados, como Romanía, Ucraína, China, Australia, Xapón, Hungría, México ou Bulgaria. Segundo o concello, esta ruta xacobea estase a afianzar como unha vía eficaz para internacionalizar o destino, atraendo peregrinos de longa distancia con orixes pouco habituais até o momento.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, valorou estes datos sinalando que "os bos resultados do Camiño de Inverno e das actividades de astroturismo queren dicir que estamos no bo camiño na promoción dos nosos recursos e potencialidades turísticas". O rexedor avanzou tamén que, de cara ao vindeiro ano, o concello aproveitará a celebración do Xacobeo 2027 "para seguir reforzando e impulsando o Camiño ao seu paso por Chantada".
Máis de 3.300 visitantes na Oficina de Turismo
Á marxe dos datos relativos aos peregrinos, a Oficina de Turismo de Chantada atendeu a 3.374 visitantes ao longo do verán. O turismo nacional representou o 89,7 % do total, mentres que o internacional acadou o 13,7 %, unha cifra que mellora en máis de dous puntos a rexistrada o ano anterior. Entre as procedencias internacionais con maior presenza situáronse Portugal, Francia, Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña, á vez que continúa aumentando o número de visitantes chegados desde Polonia, Australia, Canadá e Países Baixos.
A oficina municipal comezou tamén a rexistrar a chegada de visitantes procedentes de países como Bulgaria, Hungría, Xapón, China, Nova Zelandia e Romanía, fluxos que, segundo o concello, están vinculados directamente ao Camiño de Inverno.
En canto á distribución temporal, o fluxo de visitantes foi aumentando de forma progresiva ao longo do verán, acadando o seu punto máximo en agosto, mes no que se contabilizaron 1.128 visitantes. Desde Galicia chegou o 13,7 % dos visitantes, mentres que, dentro do resto de España, as comunidades con maior presenza foron de novo Madrid, Cataluña, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Castela e León.