Chantada pecha este domingo o Festival 17º Ribeira Sacra con propostas que combinan patrimonio, viño e música

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O programa inclúe visitas guiadas, unha cata itinerante e concertos gratuítos na Praza do Cantón
17-graos-ribeira-sacra
26 Jul 2026

A décima edición do Festival 17º Ribeira Sacra concluirá este domingo 26 de xullo en Chantada, onde se desenvolverá a programación da última xornada dun evento que, entre os días 24 e 26 de xullo, reúne música, gastronomía, arte e iniciativas de promoción do territorio.

As actividades comezarán ás 11:00 horas na Central Hidroeléctrica de Belesar coa experiencia “A enerxía do Miño. Memoria industrial de Belesar”, un percorrido interpretativo centrado no patrimonio industrial da Ribeira Sacra que abordará a relación entre a enxeñería, a paisaxe e a memoria deste enclave. A visita rematará cunha sesión musical.

Ás 12:00 horas, a Praza do Cantón acollerá unha actividade organizada pola Asociación de Amigos de Manuel Jorge de Chantada. Baixo o título “Viños con arte, Chantada e Manuel Jorge”, desenvolverase unha cata itinerante polo centro histórico da vila na que se combinarán viños, petiscos e arte plástica. Tal e como recolle a web do festival, “Chantada é terra de artistas. Nos viños e tamén nas artes plásticas. Combinaremos viño e produtos locais cos cadros do chantadino, Manuel Jorge a quen estará dedicado o futuro Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra”.

A colaboración do Concello de Chantada co festival permitirá ademais que a Praza do Cantón se converta no escenario Alhambra, onde haberá concertos de acceso libre e gratuíto. A programación musical comezará ás 13:00 horas con Rivouzo DJ, continuará ás 13:30 horas coa actuación de Vera Fauna e pecharase ás 14:45 horas cunha nova sesión de Rivouzo DJ.

Desde o Concello destacan a importancia de apoiar este tipo de iniciativas pola súa repercusión na promoción da Ribeira Sacra. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, sinala que “É un festival importante con moita difusión que se centra na cultura e no patrimonio. Estamos nun territorio con grandes riquezas a este respecto e en Chantada temos representación de todo, ribeira, música, patrimonio, arte,…”, ao tempo que salienta un formato baseado en propostas de interese que non buscan a masificación.

O Festival 17º Ribeira Sacra, organizado por I-Radia Crea, foi presentado este xoves no Balcón Enoturismo de Regina Viarum, no Concello de Sober. No acto participou, entre outras autoridades, a concelleira de Xuventude do Concello de Chantada, Belén Vázquez Caseiro.

0.099099159240723