Chantada organiza unha nova actividade de astroturismo tras o éxito da primeira sesión

O Concello de Chantada continúa coa súa programación de astroturismo para este verán e prepara unha nova actividade de guiado e observación estelar que se desenvolverá o vindeiro 19 de xullo, despois da boa acollida da primeira sesión, celebrada este mércores, día 8.
A actividade inaugural reuniu a 25 participantes, completando as prazas dispoñibles. Persoas procedentes de Chantada e da súa contorna, así como visitantes chegados desde Ourense ou Vigo, participaron nesta proposta, moitos deles acompañados das súas familias e tomando parte por primeira vez nunha actividade destas características.
Durante máis de dúas horas, e coa axuda dun telescopio, os asistentes puideron descubrir diferentes aspectos da diversidade do ceo nocturno visible desde Chantada, un destino recoñecido como Starlight.
O guía da actividade, Juanjo Lorenzo, destacou a participación das familias e o interese amosado polos máis pequenos. “Nesta primeira actividade tivemos moitas familias con fillos e fillas que preguntaban moito. A nosa recomendación cando a xente vén a unha actividade así e que veñan coa curiosidade que se ten cando se é neno para poder achegarse mellor a un dos mellores destinos Starlight a nivel galego”, explicou.
As inscricións para permanecerán dispoñibles ata completar a capacidade. As 25 persoas que obteñan praza recibirán un correo de confirmación coa localización do punto de encontro, fixado para as 22.15 horas.
A programación continuará durante os próximos meses con novas propostas. O 6 de agosto celebrarase unha actividade de guiado e observación estelar para público en xeral; o 7 de agosto terá lugar unha charla divulgativa sobre a eclipse, tamén aberta ao público; e o 4 de setembro desenvolverase un obradoiro de astrofotografía dirixido ao público xeral.