Chantada organiza unha actividade de guiado e observación estelar o 8 de xullo

O Concello de Chantada abrirá o vindeiro 29 de xuño o prazo de inscrición para participar na actividade de guiado e observación estelar que se celebrará o 8 de xullo, dentro do programa municipal de astroturismo.
Chantada foi recoñecida o pasado ano como Municipio Starlight, sendo o primeiro da Ribeira Sacra en acadar esta distinción, que acredita o seu valor como referente na protección do ceo nocturno debido á escasa contaminación lumínica e á promoción do astroturismo.
Ao longo deste ano, o Concello desenvolveu unha programación específica centrada neste ámbito, que comezou o pasado 19 de maio cun obradoiro de iniciación á astronomía dirixido ao sector turístico. A seguinte actividade será a xornada de observación do 8 de xullo, á que seguirán novas citas nos meses seguintes.
A participación nesta actividade é gratuíta e as inscricións deberán formalizarse desde o 29 de xuño ata completar aforo, exclusivamente a través do correo electrónico turismo@concellodechantada.org.
A primeira xornada contará cun máximo de 25 persoas participantes, que se reunirán en Chantada ás 22:15 horas para desprazarse posteriormente ao punto de observación. As sesións estarán impartidas por profesionais especializados.
Desde a Oficina Municipal de Turismo explican que estas actividades buscan ofrecer unha experiencia para descubrir o universo e os seus fenómenos nunha contorna privilexiada, destacando o valor dos espazos naturais do municipio para a observación da Vía Láctea, constelacións e outros elementos astronómicos.
Ademais da actividade do 8 de xullo, o programa inclúe novas propostas: o 19 de xullo e o 6 de agosto terán lugar novas sesións de observación estelar para público xeral; o 7 de agosto celebrarase unha charla divulgativa sobre unha eclipse; e o 4 de setembro desenvolverase un obradoiro de astrofotografía.