Chantada organiza un curso de defensa persoal feminina coincidindo co 25N

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Chantada puxo en marcha unha serie de iniciativas de sensibilización, entre as que se inclúe un curso básico de defensa persoal feminina e autoprotección.
A actividade desenvolverase en dúas sesións, os sábados 21 e 28 de novembro, en horario de 11.30 a 13.30 horas, e terá lugar no ximnasio do Pavillón Polideportivo Municipal. O curso está dirixido a mulleres maiores de 18 anos.
As interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello de Chantada, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o luns, 16 de novembro.
A organización deste curso corre a cargo do Centro de Información ás Mulleres de Chantada, no marco da campaña impulsada polo consistorio baixo o lema “Ante a violencia de xénero: non negues, non normalices, non xustifiques”, coa que se pretende concienciar a cidadanía sobre esta problemática na data que conmemora a nivel internacional a loita contra a violencia machista.