Chantada manterá aberta até finais de outubro a inscrición nas Escolas Deportivas Municipais

O Concello de Chantada mantén aberto ata o 31 de outubro o prazo para anotarse nas Escolas Deportivas Municipais, unha iniciativa con máis de 30 anos de percorrido que ofrecerá actividades ata o 21 de xuño. A programación estenderase ao longo de toda a semana e desenvolverase no Pavillón Deportivo Municipal, nos pavillóns dos centros educativos, no Estadio Municipal do Sangoñedo e na Piscina Climatizada.
A oferta abrangue diferentes idades e niveis, desde a etapa preescolar ata as persoas maiores de 60 anos. Entre as actividades infantís figuran fútbol sala, fútbol, bádminton, tenis de mesa, pádel, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis, voleibol, natación, patinaxe artística, escola de porteiros e porteiras, patinaxe, multideporte, psicomotricidade, atletismo de cros e bailes de salón.
Para as persoas adultas, o programa inclúe bailes de salón, tenis, atletismo de cros, fútbol 11 para veteranos, pickleball, pádel, bádminton, educación física e cardio, patinaxe, ximnasia de mantemento e sendeirismo. No caso dos maiores de 60 anos, poderán participar en bailes de salón, sendeirismo, bádminton e ximnasia, incluída a modalidade de mantemento.
As escolas reservan tamén un espazo para o deporte adaptado, con actividades dirixidas a persoas con discapacidade intelectual ou física en colaboración coas entidades Asdeme e Albores.
A programación incorpora este curso bailes de salón e estilo libre con profesorado titular para o público infantil. Ademais, realizaranse pequenos axustes nos horarios para facilitar a coordinación entre as distintas instalacións deportivas. Na edición anterior, a oferta para adultos ampliárase con pádel, iniciación á patinaxe e atletismo de cros, disciplinas que tiveron unha resposta positiva.
O programa pretende favorecer a práctica deportiva e a adquisición de hábitos saudables mediante actividades participativas e inclusivas, nas que tamén se traballa a técnica propia de cada especialidade. A inscrición está aberta igualmente a persoas doutros concellos, que poderán acceder ás mesmas condicións ca as empadroadas en Chantada e sen ningún custo adicional por este motivo.
Os formularios de inscrición poden descargarse da web municipal ou recollerse na Casa Consistorial, no Pavillón Municipal e nos centros de ensino. A matrícula custa 70 euros e permite participar en tres actividades deportivas. O pagamento deberá realizarse no servizo de recadación do Concello antes do 31 de outubro. O programa contempla descontos para familias numerosas e para persoas que se atopen dentro dos límites establecidos polo IPREM.