Chantada levará as súas máis de 35 hectáreas de zonas verdes a unha nova edición de Vilas en Flor

RibeiraSacraXa
Trátase dunha iniciativa da Fundación Juana de Vega, ASVINOR (Asociación de Viveiristas do Noroeste) e AGAEXAR (Asociación Galega de Empresas de Xardinería)
vista-aerea-xardins-chantada
17 Oct 2026

O Concello de Chantada participa un ano máis no certame Vilas en Flor, unha iniciativa da Fundación Juana de Vega, ASVINOR (Asociación de Viveiristas do Noroeste) e AGAEXAR (Asociación Galega de Empresas de Xardinería), para promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios de Galicia de menos de 40.000 habitantes e contribuír así a mellorar a calidade de vida e a cohesión social dos veciños e veciñas.

O xurado do certame vén de visitar Chantada para coñecer os avances levados a cabo no último ano. Durante a visita, os membros do xurado estiveron acompañados polo alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, o concelleiro de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Diego Otero, e parte do seu equipo, que explicaron todos os traballos de mellora e ampliación desenvolvidos durante o ano nas zonas verdes de Chantada.

O rexedor local destaca: «Estamos moi satisfeitos coa visita do xurado, era a primeira vez que este xurado visitaba Chantada e ensinámoslle todas as melloras nas humanizacións nas diferentes zonas. Seguimos traballando para ser o primeiro concello de Galicia ao que se lle concedan as 5 Flores de Honra e continuar mellorando os resultados neste certame que o pasado ano nos entregou por sétima ocasión as 4 Flores de Honra».

Ademais de coñecer in situ as intervencións levadas a cabo, o Concello de Chantada entregoulle ao xurado unha memoria, un vídeo e outro material gráfico que complementan a información sobre a traxectoria que, a nivel ambiental, segue o concello nas áreas que valora o certame: patrimonio paisaxístico, medio ambiente e sustentabilidade e actividades sociais e de promoción do turismo.

Chantada conta na actualidade con 35 hectáreas de zonas municipais públicas para o desfrute de todos e todas, dando prioridade á infancia e ás persoas maiores. Dispón de máis de 14.000 metros cadrados de parques infantís (O Sangoñedo, Eloísa Rivadulla, Piscinas, Alameda, Os Pilos e Lama das Quendas), onde o céspede e os xogos se mesturan para proporcionar espazos de lecer familiar. Está ademais en execución o novo parque da rúa Concepción Arenal. As persoas maiores dispoñen de 2.600 metros cadrados con espazos habilitados para exercitarse ao aire libre.

Desde o Concello de Chantada destácase o esforzo por crear máis zonas verdes. Compráronse terreos para acondicionar unha gran área de lecer no barrio de Marín que conectará co Paseo Fluvial, unha área de tránsito cos equipamentos necesarios da que moi pronto se poderá desfrutar. Creouse un parque infantil e humanizouse a praza Luis García Arias. Na prolongación de Concepción Arenal, despois da cesión dunha parcela e da compra doutras dúas, púxose en marcha unha nova área recreativa. Na rúa Emilia Pardo Bazán tamén se adquiriron parcelas e proximamente comezará o acondicionamento, mentres se continúa coa rexeneración de espazos como o da rúa Avelino Gómez Ledo ou o do cruzamento da rúa do Comercio coa avenida de Monforte.

O Concello de Chantada destaca na memoria o paseo fluvial do Asma, cunha lonxitude duns 5 km a ambas as marxes do río. «O parque é o buque insignia das nosas zonas verdes, contempla praia fluvial, grellas, campo de fútbol, servizos públicos e amplas zonas de lecer. Estase levando a cabo a expropiación dos terreos para a ampliación do paseo cun investimento cofinanciado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil de preto dun millón de euros para ampliar o paseo en 2,5 km», recolle a memoria. Prevese recuperar outro muíño que hai no paseo e que se sumaría ao Muíño da Alameda.

Na contorna do Paseo Fluvial tamén se levou a cabo este ano un tratamento innovador para previr e sanar as árbores con síntomas de seca. Mentres, nas parroquias acondiciónanse e créanse novas áreas verdes na contorna dos locais sociais en Derramán, Merlán, Muradelle, Sabadelle, Nogueira, San Fiz, Arcos…

No apartado de promoción e actividades sociais destaca a colaboración cos centros de ensino na campaña de plantación de árbores conmemorando o Día Internacional dos Bosques e no Día Mundial do Medio Ambiente, no que se lles entregaron aos veciños carballos e castiñeiros, ademais doutras actividades promocionais do programa 5R.

Continúase coa colocación de xardineiras de madeira no casco antigo e coa rexeneración das pezas danadas. A Brigada de Parques e Xardíns traballa tamén no mantemento do viveiro, do que se utilizan a maioría das plantas, e na recuperación do antigo xardín botánico. Nos últimos anos, e co obxectivo de reducir as emisións e coidar o medio ambiente, estase renovando a eléctrica a frota de vehículos para os distintos traballos da área de Parques e Xardíns.

O Concello completa este balance coa decoración de fachadas e balcóns dos edificios municipais e a posta en valor de espazos como o Parque Eloísa Rivadulla e a contorna de San Lucas.

0.15815997123718