Chantada instala puntos limpos fixos no casco urbano e móbiles en Merlán e Esmoriz

RibeiraSacraXa
O Concello incorpora dous puntos limpos de proximidade permanentes no casco urbano e dúas unidades móbiles con GPS que, ata o 15 de novembro, estarán en Merlán e Esmoriz
punto-limpo-móbil-Chantada
3 Nov 2026

O Concello de Chantada, a través da súa Área de Medio Ambiente, puxo en marcha un novo servizo de recollida de residuos urbanos coa incorporación de varios puntos limpos, tanto fixos como móbiles. A adquisición destes equipamentos realizouse grazas ás axudas destinadas a entidades locais de Galicia para financiar actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas por fondos europeos ligados ao Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU.

En concreto, o municipio conta xa con dous puntos limpos de proximidade instalados de maneira permanente no casco urbano, dispoñibles todos os meses do ano. Estas localizacións atópanse na avenida de Monforte e na praza Catro Camiños.

A estes súmanse dous puntos limpos móbiles, equipados cun sistema de xeolocalización que permite o seu seguimento en todo momento. A diferenza dos fixos, estas unidades desprazaranse polas distintas parroquias do concello, permanecendo en cada unha delas durante un período de quince días.

Segundo o calendario facilitado polo Concello, ata o 15 de novembro os puntos limpos móbiles estarán dispoñibles na parroquia de Merlán, concretamente xunto á Casa Escola, e na parroquia de Esmoriz, xunto á igrexa.

En canto aos residuos que se poden depositar nestes puntos, o Concello detalla unha ampla variedade de materiais: aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), aceite doméstico de orixe vexetal, pinturas, disolventes e aerosois, fluorescentes e lámpadas de baixo consumo, radiografías, pilas e baterías, cartuchos de tinta e tóner, cápsulas de café, así como CD e DVD.

Desde o Concello lémbraselle á veciñanza a dispoñibilidade deste servizo co obxectivo de facilitar unha xestión máis axeitada deste tipo de residuos, evitando o seu depósito nos contedores convencionais.

0.15965700149536