Chantada inicia un programa piloto para formar na prevención de riscos laborais

RibeiraSacraXa
Chantada inicia un programa piloto para formar na prevención de riscos laborais que se impartirá maña xoves
riscos laborais
2 Nov 2022

Esta formación que se impartirá maña xoves no concello, vai dirixida principalmente ó alumnado participante nos obradoiros duais de emprego.

É unha iniciativa promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), que se centra en formar ó alumnado das especialidades de atención sociosanitaria, xardinería e albanelería no obradoiro dual de emprego Serra do Faro VII, compartido polos concellos de Chantada e Carballedo.

A actividade, que se imparte como proxecto piloto, quere incidir nas medidas ergonómicas e de prevención de riscos no coidado das persoas dependentes e ofrecer a todas as persoas participantes no obradoiro formación en primeiros auxilios.

O Issga está a implicarse na integración da prevención de riscos laborais na formación que se imparte nos obradoiros de emprego. O seu persoal técnico desprázase, neste caso a  Chantada, para expoñer ao alumnado do módulo de atención sociosanitaria a campaña dirixida ao coidado das persoas con dependencia.

Daranse a coñecer os principais riscos e medidas de prevención para evitar a aparición de danos para a saúde nesta actividade laboral que se ocupa do coidado das persoas, altamente feminizada e que seguirá en incremento nos vindeiros anos. Utilizarase como base o material elaborado polo Issga para esta campaña co obxectivo de incidir na correcta xestión dos riscos dende tres enfoques principais: a prevención dos trastornos musculoesqueléticos, os riscos biolóxicos e os riscos psicosociais.

A primeira parte da xornada focalizada na área dos coidados celebrarase entre as 10.30 horas e as 12.30 e abordará explicacións acerca de como mobilizar persoas, evitar contaxios de enfermidades ou que facer ante caso de accidentes, como as salpicaduras con fluídos, para a prevención do risco biolóxico. Durante o cursos prestarase especial atención aos riscos psicosociais das persoas traballadoras na área dos coidados.

A segunda parte da sesión, que se celebrará entre as 13.00 e as 14.00 horas,  incorporarase tamén o alumnado de albanelería e xardinería que recibirá formación en primeiros auxilios impartida por persoal de enfermaría do Issga. Neste caso abordaranse as actuacións e técnicas a aplicar cando é necesario atender a unha persoa accidentada, para actuar de xeito inmediato ata a chegada do equipo médico profesional para non agravar as lesións producidas e incluso poder salvarlle a vida.

A Xunta quere introducir a cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral co obxectivo de xerar unha conciencia preventiva integrada no traballo. O Issga, así, está a desenvolver actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación en prevención, tanto nas etapas educativas como nos diferentes cursos de formación e capacitación para o emprego.

Neste caso as actuacións poñen o foco nos obradoiros duais de emprego, accións dirixidas a que persoas desempregadas reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.

0.1918249130249