Chantada impulsa a reforestación co reparto de máis de 1.000 árbores polo Día Mundial do Medio Ambiente

RibeiraSacraXa
Entre as especies distribuídas figuraron castiñeiros, carballos e serbais
reparto-arbores-chantada
6 Jun 2026

O Concello de Chantada, a través das concellarías de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, levou a cabo este venres unha campaña especial con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, centrada na promoción da reforestación e na divulgación da chamada estratexia das 5R: reducir, reusar, reciclar, respectar e reforestar.

A iniciativa desenvolveuse coincidindo coa feira semanal, onde se instalou unha caseta informativa na contorna da igrexa nova. Nese punto, o persoal municipal repartiu dípticos explicativos e fixo entrega de máis de 1.000 árbores ás persoas interesadas.

Entre as especies distribuídas figuraron castiñeiros, carballos e serbais. A acción complementouse cunha actividade dirixida ao alumnado de primaria dos CEIP Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla, que tamén recibiu exemplares arbóreos durante a xornada.

No acto participaron o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e o concelleiro de Medio Ambiente, Diego Otero, que acompañaron o desenvolvemento da actividade.

Dende o Concello destacouse a importancia de centrar esta campaña en dúas das 5R, a reforestación e o respecto polo medio ambiente. Segundo explicaron, “entregamos estas árbores para que a xente as plante nos seus xardíns, con esta xornada queremos potenciar a reforestación e concienciar sobre o coidado das nosas áreas verdes”.

O goberno local lembrou tamén outras actuacións ambientais que se están a desenvolver no municipio, como a mellora da recollida selectiva de residuos, a ampliación do punto limpo ou a incorporación de puntos limpos móbiles nas parroquias, ademais da recollida de plásticos agrícolas en tempada.

Neste contexto, o alcalde sinalou que “o obxectivo é seguir promovendo estas 5 R, que a xente recicle para que teñamos menos custes na recollida de orgánica e respectar e coidar as nosas zonas verdes”.

O rexedor concluíu facendo un chamamento á cidadanía para fomentar a reforestación e o coidado dos espazos públicos, lembrando que o obxectivo é “respectar os nosos espazos verdes, o mobiliario e as nosas zonas de lecer e zonas verdes para que nos protexan da contaminación”.

0.12204504013062