Chantada despraga un programa contra a violencia machista centrado na educación e na autoprotección

RibeiraSacraXa
A programación, que se prolongará ata o vindeiro ano, combina actividades para público infantil, familiar e adulto, ademais de obradoiros específicos nos centros educativos do municipio
cartel 25N Chantada
5 Nov 2026

Chantada puxo en marcha a súa programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, cunha serie de actividades que buscan sensibilizar sobre as desigualdades entre homes e mulleres e, especialmente, fomentar a educación en igualdade desde as primeiras etapas da vida. A iniciativa parte da concellaría de Igualdade do Concello, a través do Centro de Información á Muller (CIM).

Este ano, o lema escollido polo consistorio é “Ante a violencia de xénero: non negues, non normalices, non xustifiques”, unha mensaxe que xa pode verse nos carteis repartidos por asociacións, locais de hostalaría e distintos puntos do municipio, co obxectivo de que todo Chantada se sume a esta chamada de atención sobre as violencias machistas.

Un acto central con participación escolar

O eixo da programación será a conmemoración do propio 25N, que incluirá a lectura dun manifesto a cargo da concelleira de Igualdade, Pamela Fernández. O acto terá lugar na Praza de Galicia ás 12.00 horas e contará coa participación do alumnado dos centros escolares do municipio, que mostrará parte dos traballos elaborados para a ocasión a través de paneis facilitados polo propio CIM.

Contacontos, música e defensa persoal

Antes desa data, xa este venres 6 de novembro, ás 18.15 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Chantada acollerá o contacontos “Ámome”, a cargo da compañía de teatro Trécola. Trátase dun espectáculo de narración oral pensado para nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, que convida a cuestionar os roles e estereotipos de xénero tradicionais.

Días despois, o sábado 21 de novembro, ás 19.00 horas, o Auditorio Municipal será o escenario dunha proposta dirixida ao público en xeral a partir dos 16 anos. A psicóloga Enma Placer Noriega ofrecerá a conferencia musical “Amor, control e violencia, o que din as cancións”, unha charla que combina divulgación e música en directo para reflexionar sobre as mensaxes que, a través de cancións de distintas épocas e estilos, se transmiten sobre o amor e as relacións de parella. A conferencia abordará temas como o amor romántico, a dependencia emocional, os celos, o control e as novas formas de violencia dixital, psicolóxica, sexual ou económica.

Ese mesmo sábado comezará tamén un curso básico de defensa persoal feminina e autoprotección, que se desenvolverá no ximnasio do Pavillón Municipal durante dúas xornadas, os sábados 21 e 28 de novembro. As participantes poderán aprender técnicas para responder ante situacións de agresión. O prazo de inscrición abrirase proximamente nas oficinas municipais de Servizos Sociais.

A igualdade traballada nas aulas

Ademais destas actividades abertas a toda a cidadanía, o Concello desenvolverá un amplo programa nos centros educativos do municipio, coa intención de mantelo de forma continuada nos vindeiros cursos para reforzar o traballo en igualdade desde a infancia. Entre o que resta deste ano e o primeiro trimestre de 2027 levaranse a cabo distintos obradoiros dirixidos a todo o alumnado.

Nos institutos Lama das Quendas e Val do Asma, a asesora socioeducativa Paula Santos realizará co alumnado de ESO e Bacharelato unha actividade chamada “A Illa das Observacións”, pensada para que o alumnado reflexione de forma crítica sobre o seu propio ocio, sen xulgalo.

A mesma asesora impartirá tamén nos primeiros cursos dos colexios da vila a experiencia “O Camiño da Igualdade: sentir, coidar, convivir”, centrada en axudar o alumnado a identificar as emocións que xorden a partir dos estereotipos de xénero e a recoñecer distintas formas nas que pode manifestarse a desigualdade no seu día a día, a través de xogos e dinámicas de grupo.

Pola súa banda, o alumnado de 4º, 5º e 6º dos colexios Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo participará en obradoiros de convivencia grupal impartidos pola entidade Alas&Raíces, pensados para fortalecer os vínculos, a empatía e a cooperación entre o alumnado.

Todo este programa de actividades conta con financiamento procedente do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

0.17272210121155