Chantada conmemora o 25N cun manifesto e a participación dos colexios do municipio

RibeiraSacraXa
O acto central polo Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres incluíu a lectura dun manifesto e a elaboración de murais por parte de dous centros educativos, dentro dunha programación que se prolongará con obradoiros e un curso de defensa persoal
25N Chantada
25 Nov 2026

O Concello de Chantada celebrou este martes, 25 de novembro, o acto principal con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Debido á previsión de chuvia, o evento trasladouse ao salón de plenos da Casa da Cultura, onde tivo lugar a lectura pública dun manifesto institucional.

Da lectura encargouse a concelleira de Igualdade, quen estivo acompañada polo alcalde do municipio, persoal do Centro de Información á Muller (CIM) responsable de organizar a programación do 25N, membros do equipo de goberno local e representantes de distintos departamentos municipais.

O acto contou tamén coa implicación da comunidade educativa: os colexios da localidade elaboraron dous murais centrados nas reivindicacións propias desta xornada e no rexeitamento á violencia machista. Segundo se explicou, o concello ten previsto manter este tipo de iniciativas cos centros escolares ao longo dos vindeiros cursos, a través de obradoiros de sensibilización dirixidos a traballar a igualdade desde idades temperás.

Toda a programación municipal xirou arredor dun lema que chamaba a non negar, non normalizar e non xustificar a violencia de xénero, mensaxe que se trasladou tamén mediante un cartel repartido entre asociacións, establecementos de hostalaría e veciñanza. As actividades cos centros escolares estenderanse ata o vindeiro ano, mentres que o calendario deste 2026 rematará o día 28 de novembro cun curso básico de defensa persoal feminina e autoprotección.

O manifesto

O texto lido expresa o firme rexeitamento do Concello de Chantada cara a calquera forma de violencia machista que vulnere a liberdade, a dignidade, a seguridade e a igualdade das mulleres. O documento dedica un lembranza especial ás vítimas deste tipo de violencia, ás mulleres asasinadas, a quen vive baixo ameaza, control ou maltrato, así como ás súas fillas e fillos, tamén considerados vítimas directas, e ás familias e contornos próximos afectados.

O manifesto lembra que, a día de hoxe, contabilízanse 45 mulleres asasinadas en España a mans das súas parellas ou exparellas no que vai de ano, unha delas en Galicia, ademais de 3 menores igualmente asasinados. O texto insiste en que estas cifras non deben quedar reducidas a unha simple estatística, xa que cada caso supón unha vida truncada e unha contorna familiar danada, o que obriga a reforzar a prevención, a detección temperá, a protección e a atención integral ás vítimas.

Así mesmo, o documento sinala que acabar coa violencia machista esixe actuar sobre as súas raíces: a desigualdade estrutural, os estereotipos sexistas, o control nas relacións de parella e os discursos que restan importancia ou xustifican este tipo de agresións. Ponse énfase na necesidade de prestar especial atención á mocidade e ás novas formas de violencia dixital e sexual, fomentando relacións baseadas no respecto, no consentimento e no bo trato.

O manifesto reafirma o compromiso municipal a través de actuacións continuadas, recursos e cooperación con outras administracións, subliñando o papel esencial dos concellos, pola súa proximidade á cidadanía, na prevención, detección de situacións de risco e orientación cara aos servizos especializados. O texto conclúe cun chamamento á responsabilidade conxunta de institucións e cidadanía, afirmando que non pode existir neutralidade ante quen exerce, xustifica, minimiza ou nega esta violencia.

0.15149807929993