Chantada completa a transformación dunha parcela de Concepción Arenal nunha zona verde

O Concello de Chantada rematou os traballos de acondicionamento dunha parcela situada na rúa Concepción Arenal, na que se habilitou unha área recreativa con zonas verdes e mobiliario urbano. A intervención foi desenvolvida polo X obradoiro dual de emprego Serra do Faro e forma parte das actuacións previstas para mellorar este punto da localidade e resolver o bloqueo urbanístico existente na rúa.
Os traballos desenvolvéronse a través dos módulos de albanelaría, centrado nas operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, e de xardinaría, dedicado á instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Na primeira fase habilitáronse os sendeiros, o vial de acceso, os bordos e a soleira para o parque. Posteriormente, realizáronse as plantacións de árbores e arbustos e instaláronse o sistema de rega, a iluminación, os bancos, as varandas e outros elementos de mobiliario urbano.
Unha vez completada a parte correspondente ao obradoiro, a parcela xa está acondicionada como espazo de lecer. A brigada municipal de Obras instalou tamén un parque biosaudable e o Concello prevé licitar proximamente o equipamento dun parque infantil cunha ampla zona de xogo.
A actuación completarase co remate da propia rúa Concepción Arenal, unha obra que xa está aprobada e adxudicada. O proxecto inclúe melloras nos accesos ás vivendas, a creación de prazas de estacionamento e a instalación das luminarias correspondentes. O obxectivo é abrir á circulación este tramo e resolver o tapón urbanístico existente.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destacou o cambio que experimentou a zona e sinalou que, cando rematen as fases financiadas con fondos municipais, a rúa contará cunha nova área verde e de lecer. “Con estas obras démoslle un cambio substancial, en canto rematen as fases que corresponden a fondos municipais, esta rúa quedará aberta á circulación e contará cun gran espazo verde e de lecer. Confiamos en que os resultados serán do agrado da veciñanza”, afirmou.
O obradoiro Serra do Faro intervirá tamén no cruzamento da rúa do Comercio coa avenida de Monforte. Neste punto substituiranse as baldosas da beirarrúa por pedra e retirarase o formigón para plantar arbustos e crear unha zona verde. A actuación busca humanizar e poñer en valor unha esquina moi transitada, situada na contorna do casco vello e no percorrido do Camiño de Inverno.
As intervencións, coordinadas pola Concellaría de Obradoiros, inclúen ademais tarefas de mantemento noutros espazos públicos, como o monte de San Lucas, a contorna do Pavillón Municipal, o paseo fluvial e o parque de Eloísa Rivadulla.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou este mércores en Chantada os traballos do obradoiro, compartido cos concellos de Carballedo e Taboada. O programa inclúe tamén un módulo de atención sociosanitaria, con prácticas no fogar residencial para persoas maiores de Carballedo.
En total, 20 persoas reciben durante nove meses formación teórica e práctica, combinada con traballo efectivo. O programa contempla tamén incentivos á contratación para facilitar a incorporación posterior dos participantes a empresas locais.