Chantada celebrará este sábado unhas primeiras olimpíadas dedicadas ao envellecemento saudable con máis de 200 participantes

RibeiraSacraXa
O parque Eloísa Rivadulla será o escenario dunha xornada deportiva con probas físicas e cognitivas abertas a todas as idades, aínda que a maioría dos inscritos supera os 65 anos
Olimpiadas Envellecemento Saudable Chantada
18 Sep 2026

O parque Eloísa Rivadulla de Chantada será o punto de encontro este sábado 19 de setembro para a celebración das primeiras Olimpíadas do Envellecemento Saudable, unha cita deportiva que reunirá máis de 200 participantes de distintas xeracións.

O lema escollido para esta primeira edición, 'O envellecemento saudable constrúese desde idades moi temperás', resume a filosofía do evento: aínda que está aberto a persoas de todas as idades, a maior parte dos inscritos supera os 65 anos.

Trátase dunha iniciativa pioneira tanto en Galicia como a nivel estatal, impulsada pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, iNNOHEROICA e o Club Peña Saltasebes, que conta ademais coa colaboración de distintas entidades públicas e privadas, entre elas o Concello de Chantada, a Deputación de Lugo, a Universidade de Vigo, a Cruz Vermella e outras organizacións vinculadas ao ámbito sanitario e social.

A xornada combinará probas físicas e cognitivas. No apartado deportivo, os participantes poderán medirse en tres disciplinas: unha carreira de resistencia sobre asfalto de 3 ou 5 quilómetros, unha proba de forza consistente no lanzamento dun peso dun quilogramo, e unha carreira de velocidade de 200 metros en circuíto de cross. A isto súmanse dúas probas de carácter cognitivo, xadrez e dominó, pensadas para poñer en valor outras capacidades máis alá das puramente físicas.

O programa incluirá tamén unha charla sobre nutrición e deporte a cargo da xeriatra Vanessa Álvarez, vogal da Xunta Directiva da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Tras a entrega de premios e medallas, a xornada pecharase cunha camiñada ata as Adegas Amedo, onde terá lugar a clausura do encontro.

En canto ao formato de competición, todas as categorías son individuais e están divididas por xénero. Establécense tres franxas de idade: Absoluta 1, de 6 a 49 anos; Absoluta 2, de 50 a 70 anos; e Absoluta 3, para maiores de 70 anos. Os tres primeiros clasificados da categoría Absoluta 1 recibirán unha medalla, mentres que os tres primeiros postos das categorías Absoluta 2 e Absoluta 3 levarán un trofeo.

Con esta iniciativa, os seus impulsores buscan dar visibilidade ás persoas maiores como referentes activos dentro dunha comunidade diversa, amosando que o envellecemento saudable é un proceso que se constrúe desde idades temperás. As actividades previstas están adaptadas a distintos niveis funcionais, co obxectivo de que poidan participar persoas de calquera idade que queiran gozar da actividade física nun ambiente social e colaborativo.

0.14902997016907