Chantada busca incluír ás mulleres no sector primario grazas á lei de recuperación da terra agraria

RibeiraSacraXa
O concello de Chantada busca incluír ás mulleres no sector primario grazas á lei de recuperación da terra agraria
lei terra agraria chantada
lei terra agraria chantada
15 sep 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, puxo en valor as oportunidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria na comarca de Chantada de cara á incorporación das mulleres no sector primario.

Así, nunha xornada informativa organizada en Carballedo lembra que a norma inclúe figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta para poñer en valor terras en estado de abandono ou infrautilización como as existentes neste concello lucense, a través de actividade agraria que xere riqueza e emprego, fixe poboación e sirva (co tempo) para anticiparse aos incendios forestais.

No caso das aldeas modelo, a directora xeral lembra que xa hai 21 figuras deste tipo declaradas en toda Galicia co gallo de dinamizar outros tantos núcleos de poboación. Na provincia de Lugo, son cinco as aprobadas: a de Trascastro no Incio, a de Parada dos Montes na Pobra do Brollón, a de Moreda en Folgoso do Courel, a de Bustelo de Fisteus en Quiroga e a de Francos de Proendos en Sober, implicando entre todas elas preto de 100 hectáreas na contorna dos referidos núcleos. A esta superficie xa mobilizada cabe engadir outras preto de 50 ha da aldea modelo de Vilela, en Navia de Suarna, en fase de recollida de sinaturas.

No que se refire aos polígonos agroforestais, dos 21 que se atopan en distintas fases de execución co obxecto de recuperar grandes áreas de terreo, dous están emprazados na provincia lucense. Así o sinalou Inés Santé, especificando que se trata dos polígonos de Ver, en Bóveda, e de Barcia, en Navia de Suarna, ambos na fase de actuacións previas para mobilizar en conxunto máis de 100 hectáreas.

En canto ás agrupacións forestais de xestión conxunta, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural lembrou que está dispoñible a tramitación electrónica para o recoñecemento desta figura e das persoas silvicultoras activas, coa previsión de acadar as 100 agrupacións deica o ano 2025. Inés Santé apunta que este procedemento voluntario de rexistro busca promover a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na prevención dos lumes.

En definitiva, segundo a directora xeral, con este conxunto de instrumentos perséguese consolidar o sector primario galego garantindo a remuda xeracional da man das novas xeracións de homes e mulleres. No caso delas, ás que estaba dedicada a xornada de hoxe, chamounas a implicarse no futuro do noso agro, lembrando que desde a Xunta non só se lles ofrecen ferramentas como as da Lei de recuperación, senón tamén o asesoramento e o apoio necesarios para implementalas.