Chantada aplica un tratamento innovador para frear a seca dos amieiros do Paseo Fluvial do Asma

O Concello de Chantada, a través da brigada municipal de Parques e Xardíns, está a desenvolver durante esta tempada un tratamento innovador destinado a previr e recuperar os amieiros que presentan síntomas de seca no Paseo Fluvial do Asma. A actuación busca conservar en boas condicións este importante espazo verde da vila e garantir a seguridade das persoas que o utilizan a diario.
Segundo explicou o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, o Concello levaba tempo observando o deterioro destas árbores situadas na contorna do río Asma. Por este motivo iniciáronse os trámites necesarios para poñer en marcha un procedemento non invasivo que permita combater a enfermidade e contribuír á conservación do ecosistema fluvial.
Os exemplares sobre os que se está actuando presentaban síntomas asociados á fitóftora, unha enfermidade que provoca decaemento, secado de ramas e un deterioro progresivo da árbore. A intervención baséase nun informe técnico elaborado por un enxeñeiro especializado en tratamentos para combater distintas patoloxías vexetais.
O documento advirte de que a presenza de ramas secas pode supoñer un perigo para as persoas que transitan habitualmente pola zona. Ademais, sinala que a desaparición progresiva da vexetación podería incrementar o risco de erosión das marxes, desprendementos, formación de cárcavas e danos en infraestruturas durante episodios de crecida do río.
A iniciativa conta co respaldo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). Os técnicos deste organismo identificaron as árbores incluídas no proxecto, que se aplica tanto en exemplares sans como en outros xa afectados para avaliar a eficacia do tratamento tanto na prevención como na recuperación da enfermidade.
O procedemento realízase mediante endoterapia, unha técnica que consiste en practicar pequenas perforacións superficiais no tronco para que a propia árbore absorba os nutrientes e produtos aplicados a través da súa circulación interna. Unha vez completada a absorción, a ferida é selada para favorecer a súa cicatrización.
En total, estase a actuar sobre arredor de 200 árbores, que quedaron identificadas cunha chapa para facilitar o seguimento da súa evolución por parte dos técnicos da CHMS e do Concello.
O rexedor destacou que o municipio continúa impulsando accións de repoboación forestal, pero tamén aposta pola conservación da vexetación existente. Neste sentido, mostrou a confianza en que este tratamento permita obter resultados positivos e contribuír a manter os espazos verdes de Chantada nas mellores condicións posibles.