Chantada amplía o punto limpo e suma un vehículo para a recollida de biorresiduos

RibeiraSacraXa
As obras buscan aumentar a superficie das instalacións e mellorar a xestión dos residuos de competencia municipal
punto limpo Chantada
22 Oct 2026

O Concello de Chantada leva a cabo unha serie de melloras na súa xestión de residuos grazas á colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Entre as actuacións destaca a ampliación do punto limpo municipal, así como a incorporación dun novo vehículo destinado á recollida separada de biorresiduos.

Estas iniciativas, impulsadas polo propio Concello con respaldo autonómico, contan cunha achega de 194.500 euros por parte da Xunta. Esta cantidade destínase tanto a estes dous proxectos como á posta en marcha dun sistema de compostaxe e de recollida separada de residuos téxtiles na localidade.

A obra de ampliación ten como finalidade aumentar a superficie do punto limpo, unhas instalacións equipadas para recibir, separar de forma selectiva e almacenar temporalmente residuos domésticos de características especiais. Os traballos inclúen a construción de peches perimetrais e soleiras, ademais dunha nova caseta destinada á recepción e admisión dos residuos.

Con todas estas medidas preténdese facer máis eficiente a xestión dos refugallos que son competencia do Concello, avanzando cara a un modelo de espazos máis limpos, sostibles e saudables para o conxunto da poboación.

0.15374398231506