Chantada acolleu con 250 participantes as I Olimpíadas de Envellecemento Activo e Saudable

Chantada acolleu este sábado as I Olimpíadas de Envellecemento Activo e Saudable, unha iniciativa que reuniu preto de 250 participantes con idades comprendidas entre os 3 e os 107 anos e que puxo no centro a actividade física, a convivencia e a promoción dun envellecemento activo.
As probas desenvolveron ao longo da xornada diferentes actividades deportivas e de lecer nas que participaron persoas de distintas xeracións, nunha cita que buscou demostrar que a idade non constitúe unha barreira para manterse activo, participar e desfrutar do deporte.
As olimpíadas estiveron organizadas polo Concello de Chantada, a través da Concellería de Deportes, e a Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, coa colaboración de diferentes entidades, entre elas a Xunta de Galicia.
A elevada participación converteu esta primeira edición nunha xornada de convivencia interxeracional, cunha ampla presenza de persoas maiores. A organización destacou o entusiasmo e o esforzo dos participantes, así como o carácter inclusivo das probas.
A iniciativa pretende tamén contribuír á promoción do envellecemento activo e saudable, favorecendo a autonomía das persoas maiores, a súa participación social e a práctica habitual de actividade física como ferramenta para manter a calidade de vida.