Chantada acollerá unha xornada sobre Economía Social centrada no relevo xeracional e o acceso á vivenda no rural

RibeiraSacraXa
A iniciativa da Fundación Acción contra a Fame incluirá unha charla e un obradoiro práctico dirixidos a persoas emprendedoras, persoal técnico e público interesado
novas-ruralidades-chantada
30 Jun 2026

Chantada acollerá o vindeiro luns 6 de xullo unha xornada dedicada á Economía Social organizada pola Fundación Acción contra a Fame, unha iniciativa que abordará as oportunidades deste modelo ante algúns dos principais desafíos do medio rural.

A actividade desenvolverase no Auditorio Municipal de Chantada e arrancará ás 10:00 horas cunha charla centrada nas posibilidades que ofrece a Economía Social para afrontar cuestións como o relevo xeracional e o acceso á vivenda no rural.

Posteriormente, entre as 12:00 e as 14:00 horas, celebrarase un obradoiro práctico orientado a achegar aos asistentes ás distintas formas xurídicas e aos modelos organizativos propios da economía social.

As sesións estarán impartidas por 50 pés Consultoras S. Coop. Galega e están dirixidas a persoas emprendedoras, persoal técnico e a todas aquelas persoas interesadas nestas cuestións.

A xornada forma parte do proxecto “Comunidades de Dinamización e Emprego Inclusivo: Novas Ruralidades”, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Fundación "la Caixa" que busca promover oportunidades de desenvolvemento persoal, profesional e comunitario no ámbito rural.

0.12680912017822