Chantada acollerá a I Olimpíada de Envellecemento Saudable para promover a participación activa das persoas maiores

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A iniciativa reunirá actividades orientadas a poñer en valor as capacidades da poboación sénior e fomentar a convivencia interxeracional
Maiores-Olimpiadas-Envellecemento-Saudable-Chantada
1 Aug 2026

Chantada converterase no escenario da I Olimpíada de Envellecemento Saudable, unha iniciativa impulsada pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello, que nace co obxectivo de promover hábitos de vida saudables, favorecer a participación social das persoas maiores e combater os estereotipos asociados á idade.

A proposta busca dar visibilidade ás capacidades, habilidades e autonomía da poboación sénior a través de diferentes actividades que permitirán crear espazos de convivencia, lecer e intercambio de experiencias. Ademais, pretende fomentar as relacións interxeracionais e contribuír á loita contra o idadismo, promovendo unha imaxe positiva do envellecemento.

A presentación da iniciativa contou coa participación do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo; do vicepresidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José Ramón Martínez; e da concelleira de Deportes, Educación e Xuventude de Chantada, Belén Vázquez.

Durante o acto, Antón Acevedo agradeceu o compromiso da entidade organizadora co benestar das persoas maiores e destacou a importancia de desenvolver actividades que favorezan a súa participación activa na sociedade. O director xeral subliñou que este tipo de iniciativas contribúen a visibilizar o papel da poboación sénior e a crear oportunidades de socialización e acompañamento.

Así mesmo, lembrou que a Xunta mantén unha aposta decidida polo envellecemento activo e saudable a través de programas específicos destinados a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e combater a soidade non desexada. Neste sentido, avanzou que a Olimpíada se incorporará ao conxunto de accións promovidas polo Executivo galego neste ámbito, xunto con iniciativas como Benestar en Balnearios, Xuntos polo Nadal, as aulas sénior ou o Carné +65.

0.13089394569397