Chantada acolle unhas xornadas sobre construción tradicional, arquitectura e artesanía

San Cristovo de Mouricios, en Chantada, acolle esta fin de semana o encontro ‘Oficio, arquitectura e territorio’, unha iniciativa impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia e centrada na construción tradicional e na súa relación coa arquitectura contemporánea e o territorio.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na inauguración e destacou a aposta da Xunta por este tipo de encontros, que se celebran desde 2023 co obxectivo de favorecer a modernización e a innovación do sector artesanal galego a partir dos oficios tradicionais, os recursos locais e a contorna rural.
Durante a súa intervención, Alén tamén puxo en valor a presenza dos oficios artesanais na arquitectura contemporánea, pola achega de materiais de calidade e pola excelencia dos traballos, así como pola súa capacidade de adaptación a diferentes proxectos.
As xornadas están comisariadas por Alejandro García Hermida, director da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales de la Construcción, e buscan crear un punto de encontro entre a arquitectura e os oficios vinculados á construción. O programa aborda tamén a relación entre as culturas construtivas locais e a identidade das diferentes paisaxes e territorios.
A programación comeza coa intervención do arquitecto portugués Fernando Cerqueira Barros, especializado no patrimonio arquitectónico transfronteirizo da área do Gerês-Xurés e na rehabilitación de construcións tradicionais e monumentais.
O programa inclúe ademais varias mesas de debate. A primeira, ‘Oficio e transmisión de coñecemento’, estará moderada pola tecedeira e historiadora da arte Lala de Dios e reunirá o teitador Manuel Monteserín, de Balboa, León; o artesán Paco Luis Martos, especializado en artesoados mudéxares e distinguido co Premio Nacional de Artesanía 2023, xunto con Florencia Iracema; e o artesán imaxineiro Miguel Ángel Tapia, de Viana de Cega, xunto con Guillermo Bornstein.
Pola tarde será a quenda de ‘Oficio e arquitectura’, moderada polo arquitecto e ceramista Carlos Jiménez Cenamor, de Murcia. Participarán as arquitectas Ana Beltrán e Eva Sanjuán, de Estudio Correoviejo, centrado na rehabilitación e posta en valor do patrimonio construído, así como o arquitecto Oriol Roselló e o artesán Max Rutgers, especializado en carpintería estrutural.
O domingo pola mañá celebraranse outras dúas mesas. ‘Oficio e identidade’, coordinada pola arquitecta e investigadora de materiais Raquel Buj, contará con Luis Prieto, mestre artesán especializado en estucos de cal e xeso e revestimentos tradicionais con pigmentos naturais; os arquitectos Iván e Óscar Andrés Quintela, do estudio Arrokabe, de Santiago de Compostela; e Jesús Adeva, mestre de obra especializado na restauración de edificios históricos e nas técnicas construtivas tradicionais.
A última mesa, ‘Oficio e lugar’, estará moderada por Alejandro García Hermida e contará coa arquitecta Celsa Pesqueira, o canteiro Xosé Calviño, de Rodeiro e inscrito en Artesanía de Galicia, e o escultor Octavio Vázquez, de Paudepedra, Lugo, especializado en pedra natural. As xornadas rematarán o domingo ás 14.00 horas coa intervención da arquitecta e directora de Proxectos da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales, Rebeca Gómez-Gordo Villa.
A programación completarase co taller ‘As cores naturais na construción actual’, impartido por Luis Prieto os días 28 e 29 de setembro. A actividade abordará o uso dos pigmentos naturais autóctonos e a súa evolución histórica, así como as terras naturais, os óxidos, a extracción e elaboración de materias colorantes, o moído de pigmentos e o emprego da cor.
O obradoiro terá tamén unha parte práctica centrada na elaboración de pinturas con materiais como madeira, leite, ovo, sodio ou cal, coa finalidade de crear un mostrario de materiais e técnicas. Desenvolverase de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 19.30 horas e contará con 12 prazas.