Chantada acolle unha xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes

RibeiraSacraXa
Será o próximo mércores no Auditorio Municipal, organizada polo Concello en colaboración coa ONGD SenValos
xornada-regularizacion-migrantes-chantada
16 Apr 2026

O Concello de Chantada, a través da concellería de Servizos Sociais, en colaboración coa ONGD SenValos, celebrará o próximo mércores 22 de abril unha xornada informativa centrada na regularización extraordinaria de persoas migrantes en España.

A sesión terá lugar no Auditorio Municipal de Chantada en horario de 10.00 a 12.00 horas e estará aberta a persoas migrantes en situación administrativa irregular, solicitantes de protección internacional, familias con menores ao seu cargo, profesionais do ámbito social, educativo e comunitario, así como a calquera veciño ou veciña interesada. Tamén poderán participar empresas e empregadores que conten con persoas traballadoras en proceso de solicitude de protección internacional ou que estean interesados en incorporar persoal no marco deste procedemento.

Durante o encontro ofrecerase información detallada, práctica e actualizada sobre o novo proceso extraordinario de regularización derivado da reforma do Regulamento de Estranxeiría, considerado unha oportunidade relevante para moitas persoas migrantes residentes en España. Segundo o previsto, este procedemento poderá solicitarse con carácter xeral ata o 30 de xuño de 2026 e inclúe novas autorizacións por circunstancias excepcionais, tanto para solicitantes de protección internacional como para persoas en situación administrativa irregular que cumpran os requisitos establecidos.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, animou á participación ante a elevada demanda de información existente no municipio por parte destes colectivos. Neste sentido, sinalou que “moitas persoas precisan saber se poden acollerse á regularización extraordinaria e que pasos deben dar para preparar o seu expediente. O obxectivo é favorecer procesos de inclusión social e laboral en condicións de maior dignidade”, ao tempo que se dá resposta ás necesidades do tecido empresarial.

A xornada abordará aspectos clave como os requisitos de acceso, prazos, documentación necesaria, diferenzas entre as distintas vías de regularización e as súas implicacións prácticas tanto para as persoas solicitantes como para as súas familias. Ademais, prestarase especial atención á posibilidade de que estas novas vías inclúan unha habilitación provisional para residir e traballar durante a tramitación da solicitude, un elemento considerado relevante para a inclusión laboral e a seguridade xurídica.

0.12758898735046