Chantada acolle unha xornada formativa para impulsar o astroturismo e o seu valor como destino Starlight

A Oficina Municipal de Turismo de Chantada organiza o vindeiro martes 19 de maio unha xornada formativa destinada a empresas, emprendedores e persoas relacionadas co ámbito turístico, coa finalidade de poñer en valor o potencial do municipio como destino Starlight e fomentar novas oportunidades ligadas ao astroturismo.
A actividade celebrarase a partir das 18:30 horas na Casa da Cultura e pretende dar a coñecer o ceo nocturno como un recurso turístico complementario a outros atractivos do territorio.
Durante a sesión ofrecerase unha introdución práctica á observación do ceo e das estrelas, co obxectivo de amosar as posibilidades deste recurso na creación de experiencias turísticas diferenciadas. A iniciativa busca reforzar a idea de que o ceo pode ser un elemento máis dentro da oferta turística local, ao mesmo nivel que a gastronomía, a paisaxe ou o patrimonio.
Neste contexto, o astrofísico Borja Tosar destacou recentemente o valor de Chantada como espazo privilexiado para a observación astronómica, sinalando que a súa condición de municipio Starlight permite gozar de experiencias como a posta de sol ou fenómenos como as Perseidas, incluso despois de eventos como o próximo eclipse solar.
A participación é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. As persoas interesadas poden anotarse a través do correo electrónico turismo@concellodechantada.org ou no teléfono 982 44 17 52.