Chantada acolle un obradoiro sobre o uso de pigmentos naturais na construción

RibeiraSacraXa
A actividade, promovida pola Fundación Pública Artesanía de Galicia, reúne participantes en San Cristovo de Mouricios para afondar nas técnicas tradicionais de elaboración da cor
obradoiro-artesania-chantada
29 Sep 2026

San Cristovo de Mouricios, en Chantada, acolle hoxe e mañá o obradoiro ‘As cores naturais na construción actual’, unha actividade impulsada pola Xunta, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia, para dar a coñecer os pigmentos naturais propios dos diferentes territorios e a evolución das súas aplicacións ao longo do tempo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou este luns as persoas participantes nunha actividade que completou todas as prazas dispoñibles. O obradoiro está impartido por Luis Prieto, mestre artesán especializado na construción vernácula, nos estucos artesanais de cal e xeso, nos revestimentos tradicionais con pigmentos de orixe natural e na arqueoloxía experimental.

O programa aborda o estudo das terras naturais e dos óxidos, así como as diferenzas entre estes materiais, os procesos de extracción e elaboración das materias colorantes, o moído dos pigmentos e os distintos usos da cor.

A formación conta tamén cunha parte práctica na que se elaboran pinturas a partir de diferentes elementos, entre eles madeira, leite, ovo, sodio ou cal. O obxectivo é crear un mostrario de materiais e técnicas que poida servir de guía ás persoas participantes.

A proposta busca dar visibilidade ás técnicas empregadas para elaborar materiais coloreados destinados á construción e poñer en valor unhas prácticas que, segundo a organización, permiten avanzar cara a solucións máis sostibles e manter a relación entre os materiais empregados e a identidade paisaxística de cada territorio.

O obradoiro dá continuidade ás xornadas ‘Oficio, arquitectura e territorio’, celebradas durante a pasada fin de semana no mesmo lugar. Estas actividades pretenden favorecer o encontro entre a arquitectura e os oficios vinculados á construción e afondar na relación entre as diferentes culturas construtivas e o carácter propio de cada territorio.

0.17723417282104