Chantada acolle un curso para impulsar a creación de tintes naturais a partir da paisaxe

Chantada está a acoller estes días o curso “Crear cor colleitando a paisaxe”, unha iniciativa promovida no marco da Fundación Artesanía de Galicia que aposta polo uso de plantas e materiais locais para a elaboración de tintes naturais aplicados á creación artesanal contemporánea.
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou este mércores ás persoas participantes no obradoiro, que se desenvolve no espazo dos Casares, en San Cristovo de Mouricios. Durante a visita, puxo en valor o potencial dos recursos do territorio para o desenvolvemento de novas propostas dentro do ámbito da artesanía.
A formación, que remata o domingo 14 de xuño, está impartida pola artesá e historiadora Lala de Dios e pola artista téxtil Rosa Escobar, e reúne profesionais de distintos sectores como o téxtil, a sombreirería, a cestería, a moda, o deseño e a arquitectura.
O obxectivo do curso é achegar coñecementos sobre o tinguido con plantas, unha práctica con miles de anos de historia, explorando tanto os seus procesos naturais como a súa aplicación creativa actual. A actividade combina teoría e práctica, e inclúe desde a recollida de materiais na contorna ata a extracción de colorantes e a súa aplicación en pezas finais.
Ao longo das sesións trabállase tamén a relación entre cor, territorio, horta e alimentación, así como o desenvolvemento de proxectos persoais que serán compartidos ao remate do curso. A programación prevé ademais unha peza colectiva final elaborada a partir de tinturas obtidas de ingredientes de uso cotián.
As docentes destacan o valor da transmisión destes coñecementos, que combinan tradición e innovación e permiten reinterpretar a relación entre artesanía e natureza desde unha perspectiva contemporánea e sostible.