Chantada acolle o Torneo Internacional de Xadrez Copa Seis Nacións

RibeiraSacraXa
Xadrecistas de Bulgaria, Cuba, Serbia, Indonesia, Arxentina e Francia danse cita ata o día 20 na Casa da Cultura
torneo-internacional-xadrez-chantada
15 Apr 2026

A Casa da Cultura de Chantada acolle desde este luns e ata o vindeiro 20 de abril o Torneo Internacional de Xadrez Copa Seis Nacións, unha cita organizada polo Círculo Chantadino de Xadrez en colaboración co Concello.

O evento, que reúne na vila do Asma a xogadores de primeiro nivel, comezou este luns pola tarde tras un acto de presentación no que participaron representantes do club organizador, como o seu presidente, Camilo Rodríguez, e o tesoureiro, Miguel Vázquez, xunto ao alcalde, Manuel Lorenzo Varela, a concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro, o árbitro Ovidio Mario Tallarico e os seis xadrecistas convidados.

O torneo conta coa participación de Petkov Vladimir (Bulgaria), gran mestre internacional; Dexter Docampo Beltrán (Cuba), mestre FIDE; Aleksa Strikovic (Serbia), gran mestre internacional; Diajeng Theresa Singgih (Indonesia), mestra internacional feminina; Raúl Claverie (Arxentina), mestre internacional; e Víctor Chelhod (Francia).

Trátase dunha competición pechada, cun número limitado de participantes seleccionados por invitación ou inscrición, na que non se repite nacionalidade. Ademais, o torneo é válido para a obtención de normas internacionais. “A este respecto a única muller participante vén a Chantada para conseguir a norma e o título, mentres o francés busca o seu primeiro título ou o cubano conseguir o Gran Mestre Internacional”, explican desde o Círculo chantadino.

Pola súa parte, o alcalde destacou o valor desta cita para os afeccionados, ao permitirlles seguir de preto partidas de alto nivel e coñecer de primeira man as estratexias de xogadores profesionais, o que sitúa Chantada como un referente do xadrez durante estes días.

O Círculo Chantadino de Xadrez, impulsor do torneo, iniciou a súa andaina a comezos dos anos 2000, consolidando co tempo unha notable afección e un alto nivel competitivo, con presenza durante máis dunha década na División de Honra.

0.12535500526428