Chantada acolle dúas xornadas formativas centradas no relevo xeracional e na economía social

A Fundación Acción contra a Fame desenvolverá en Chantada os días 6 e 7 de xullo dúas xornadas dedicadas á economía social e ao relevo xeracional, dous ámbitos considerados fundamentais para favorecer a continuidade da actividade económica e empresarial nas zonas rurais.
A iniciativa está pensada para persoas emprendedoras, titulares de negocios familiares, empresas e tamén para todas aquelas persoas interesadas en coñecer alternativas orientadas a garantir a continuidade das empresas existentes e impulsar novos modelos de desenvolvemento no medio rural.
A programación arrancará o luns 6 de xullo no Auditorio Municipal de Chantada coa charla "A economía social fronte a dous grandes retos do rural: relevo xeracional e acceso á vivenda", prevista entre as 10.00 e as 11.30 horas. Durante esta sesión abordarase a capacidade da economía social para responder a dous dos principais retos que afectan ás zonas rurais: a continuidade da actividade económica e o acceso á vivenda.
A xornada continuará de 12.00 a 14.00 horas na sede do CCA Ribeira Sacra, onde terá lugar o obradoiro "Formas xurídicas e modelos organizativos da economía social". Esta actividade terá un carácter práctico e estará enfocada a presentar as diferentes opcións organizativas e xurídicas existentes dentro deste modelo empresarial.
As actividades continuarán o martes 7 de xullo no Auditorio Municipal de Chantada, entre as 10.00 e as 14.00 horas, coa charla "O futuro das nosas empresas: oportunidades e desafíos do relevo xeracional". Nesta sesión analizaranse cuestións relacionadas coa transmisión dos negocios e as fórmulas para favorecer a súa continuidade no territorio.
Durante esta segunda xornada, a organización tamén dará a coñecer unha estratexia orientada a recompilar información sobre empresas e negocios que se atopen nunha situación próxima á necesidade de buscar relevo xeracional.
A participación nas dúas actividades será gratuíta, aínda que será necesaria inscrición previa.
Estas xornadas forman parte do proxecto Comunidades de Dinamización e Emprego Inclusivo: Novas Ruralidades, desenvolvido en colaboración coa Fundación "la Caixa", unha iniciativa que busca impulsar o desenvolvemento económico, promover o emprendemento e xerar novas oportunidades no medio rural.