Chantada acolle a presentación do libro gañador do XVIII Certame de Investigación Condado de Pallares

RibeiraSacraXa
A Casa da Cultura recibirá este 3 de xullo a obra de Mª Ángeles Verea Castelo, mentres continúa aberta a XX convocatoria do certame con prazo ata o 30 de setembro
Certame-de-Investigacion-Condado-de-Pallares
2 Jul 2026

A Casa da Cultura de Chantada será escenario este venres, 3 de xullo, ás 20:00 horas, da presentación do libro A explotación de arxila e a súa transformación nas terras do Condado de Pallares (século XIX e ss.), da autora Mª Ángeles Verea Castelo, obra que acadou o premio na XVIII edición do Certame de Investigación Condado de Pallares.

O certame está promovido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares coa colaboración dos concellos de Guntín, Taboada e Chantada, e busca impulsar traballos de investigación relacionados co patrimonio e a historia do territorio.

Mª Ángeles Verea Castelo, natural de Boimorto, é licenciada en Historia da Arte e doutora en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve a súa actividade profesional como profesora de Historia na Coruña e compaxina a docencia coa investigación sobre a cerámica tradicional galega e o patrimonio industrial. Descendente dunha familia vinculada ao oficio de telleiros, centrou parte do seu traballo no estudo dos cabaqueiros do Baixo Miño.

A presentación da obra servirá tamén para pechar a XVIII edición do certame, mentres a organización continúa traballando na preparación do libro premiado no ano 2025, Os anos de transición á democracia na comarca de Chantada (1973-1983), elaborado por Alexandre Varela Rubín.

Paralelamente, xa está aberta a XX convocatoria do Certame de Investigación Condado de Pallares, á que poderán presentarse traballos orixinais e inéditos en lingua galega relacionados con ámbitos como a lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía ou o folclore.

As investigacións deberán centrarse no ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

O certame contempla un premio de 4.000 euros para o traballo gañador, ademais da publicación da obra, iniciativa na que tamén participa a Secretaría Xeral da Lingua.

0.13154101371765