Chantada achega o Camiño de Inverno ao seu ceo Starlight coa actividade ‘Ceo no Camiño’

RibeiraSacraXa
A proposta celebrarase o 9 de outubro no Auditorio Municipal e combinará fotografía astronómica, realidade virtual e un planetario portátil
chantada-destino-starlight
3 Oct 2026

Chantada celebrará o venres 9 de outubro a xornada ‘Ceo no Camiño’, unha actividade divulgativa que propón descubrir a relación entre o Camiño de Inverno e os ceos Starlight do municipio a través de diferentes experiencias relacionadas coa astronomía.

A proposta desenvolverase no Auditorio Municipal entre as 18.00 e as 21.00 horas e incluirá unha exposición fotográfica, unha charla divulgativa, unha curta documental, unha experiencia de realidade virtual e unha sesión de planetario portátil.

A programación comezará ás 18.00 horas coa apertura da exposición fotográfica. Media hora máis tarde terá lugar a presentación do proxecto ‘Ceo no Camiño’, seguida da proxección dunha curta documental e da charla ‘O ceo de Galicia’.

Ás 19.30 horas está prevista unha visita guiada á exposición, durante a que as persoas asistentes tamén poderán probar unhas gafas de realidade virtual en 360 graos e participar nunha sesión de planetario. A partir das 20.30 horas a exposición poderá visitarse libremente, ata o peche da actividade ás 21.00 horas.

A iniciativa forma parte da actividade astroturística do Concello de Chantada, está financiada a través do programa ‘O Teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia e será impartida por Luzlux. A actividade é gratuíta e está aberta ao público xeral, incluíndo familias, peregrinos, centros educativos, visitantes e profesionais vinculados ao turismo.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, animou á participación nesta proposta, coa que o Concello pretende poñer en relación dous recursos turísticos do municipio. “Con este tipo de actividades poñemos en valor dous recursos turísticos fundamentais en Chantada, ofrecer as paisaxes máis fermosas no Camiño de Inverno, facendo desde Chantada os quilómetros necesarios para conseguir a Compostela e reivindicar a calidade dos nosos ceos que nos deron a condición de Municipio Starlight”, sinalou.

0.15235710144043