Chantada abre a súa programación astroturística cunha xornada sobre o eclipse do 12 de agosto

RibeiraSacraXa
Será o 28 de abril e requirirá inscrición
xornada-starlight-chantada
24 Apr 2026

O Concello de Chantada celebrará o vindeiro 28 de abril unha xornada de divulgación centrada no eclipse solar do 12 de agosto, dentro da súa programación como Destino Starlight. Baixo o título ‘Galicia, porta de entrada do eclipse’, a iniciativa marcará o inicio dun conxunto de actividades vinculadas ao astroturismo que se desenvolverán nos próximos meses.

A sesión, organizada por Turismo de Galicia en colaboración co Concello, está dirixida principalmente a profesionais do sector turístico, medios de comunicación e público interesado nas oportunidades que supón este fenómeno astronómico para o territorio. A participación será limitada e requirirá inscrición previa a través da Casa da Cultura.

O encontro combinará divulgación científica cun enfoque práctico, co obxectivo de trasladar posteriormente ese coñecemento á cidadanía. A xornada comezará ás nove da mañá coa benvida institucional por parte da concelleira de Turismo, Pamela Fernández. A continuación, celebrarase unha charla sobre os fundamentos dos eclipses e a súa observación segura, a cargo dos monitores Starlight Begoña Estévez e Antonio Pazos.

Tras unha breve pausa, o programa continuará cunha sesión dedicada á fotografía de eclipses, impartida polo especialista en divulgación científica Fernando Rey Daluz. Xa en horario de mediodía, terá lugar unha mesa redonda na que se abordarán as implicacións do fenómeno desde o punto de vista turístico e territorial, coa participación de representantes da Xunta de Galicia, do ámbito científico, do sector turístico da Ribeira Sacra e do propio Concello.

Pola tarde, a xornada incluirá unha actividade práctica centrada na fotografía e na observación solar, cun simulacro do eclipse, antes da clausura prevista ás sete da tarde.

Chantada forma parte da rede de Destinos Starlight e é un dos tres recoñecidos na provincia de Lugo. Desde o Concello destacan que esta cita supón o inicio dunha programación específica previa ao eclipse do 12 de agosto, un evento que situará á provincia como un dos mellores puntos de Galicia para a súa observación, ao concentrar boa parte da franxa de totalidade.

0.079174041748047