Chandrexa de Queixa prepárase para celebrar a XV Festa do Cordeiro

Chandrexa de Queixa acollerá este vindeiro 5 de setembro a XV Festa do Cordeiro, unha xornada dedicada á gastronomía e á tradición que contará tamén con diferentes propostas musicais ao longo do día.
A programación comezará ás 12.30 horas cunha degustación gratuíta de cordeiro ao espeto. A continuación, actuará a Charanga Nova de Trives.
Ás 13.30 horas dará comezo a sesión vermú, amenizada polo Dúo Xilo e Carlos. Unha hora despois, ás 14.30 horas, celebrarase o xantar popular, que volverá contar coa actuación da Charanga Nova de Trives.
O menú estará composto por empanada de xiscos, pementos, cordeiro ao forno, bica, viño, café e licores. O prezo será de 20 euros para os adultos e de 8 euros para os nenos de 6 a 10 anos, mentres que os menores de 6 anos poderán participar de maneira gratuíta.
A festa continuará ás 18.30 horas cunha sesión de tarde a cargo do Dúo Xilo e Carlos, e ás 20.30 horas chegará a gran pancetada, que estará amenizada pola Disco Móbil Will, cos DJs Will Pérez, Alex Prieto e DJ Kola, xunto coa actuación da Orquestra Saudade.
A XV Festa do Cordeiro está organizada polo Concello de Chandrexa de Queixa coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e Inorde Turismo Ourense.