Chandrexa de Queixa e Manzaneda propoñen unha xornada para descubrir as pegadas romanas do Bibei

Chandrexa de Queixa e Manzaneda acollerán o vindeiro 6 de setembro unha nova edición do paseo ambiental e cultural «Rebrota Chandrexa de Queixa-Manzaneda», unha actividade que permitirá descubrir parte do patrimonio natural, histórico e etnográfico deste territorio.
A proposta, que se desenvolve nos últimos anos a través de fondos do GDR Silbibeinavea, incluirá unha ruta de aproximadamente 9 quilómetros e dificultade baixa polos vestixios das antigas viñas romanas do Bibei, así como unha visita á Finca A Mata.
A xornada continuará cunha degustación en Casa González, en Chandrexa de Queixa, que permitirá achegar aos participantes aos produtos e sabores da zona. O programa completarase cunha visita ao Museo Etnográfico de Celeiros, onde poderán coñecer parte do patrimonio e da cultura tradicional do municipio.
A actividade celebrarase ademais ao día seguinte da Festa do Cordeiro, que terá lugar o 5 de setembro, polo que a organización presenta a ruta tamén como unha oportunidade para gozar dunha xornada de actividade física despois da celebración gastronómica.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico incripciones@surbia.es.