Chandrexa de Queixa celebrará o 5 de setembro a XV Festa do Cordeiro cunha xornada de gastronomía e música

RibeiraSacraXa
A programación incluirá degustación gratuíta de cordeiro ao espeto, xantar popular, actuacións musicais e unha gran pancetada para pechar a festa
festa-do-cordeiro-chandrexa
24 Aug 2026

Chandrexa de Queixa acollerá o vindeiro 5 de setembro a XV Festa do Cordeiro, unha xornada dedicada á gastronomía e á tradición que contará tamén con diferentes propostas musicais ao longo do día.

A programación comezará ás 12.30 horas cunha degustación gratuíta de cordeiro ao espeto. A continuación, actuará a Charanga Nova de Trives.

Ás 13.30 horas dará comezo a sesión vermú, amenizada polo Dúo Xilo e Carlos. Unha hora despois, ás 14.30 horas, celebrarase o xantar popular, que volverá contar coa actuación da Charanga Nova de Trives.

O menú estará composto por empanada de xiscos, pementos, cordeiro ao forno, bica, viño, café e licores. O prezo será de 20 euros para os adultos e de 8 euros para os nenos de 6 a 10 anos, mentres que os menores de 6 anos poderán participar de maneira gratuíta.

A festa continuará ás 18.30 horas cunha sesión de tarde a cargo do Dúo Xilo e Carlos, e ás 20.30 horas chegará a gran pancetada, que estará amenizada pola Disco Móbil Will, cos DJs Will Pérez, Alex Prieto e DJ Kola, xunto coa actuación da Orquestra Saudade.

As persoas interesadas en adquirir os tíckets poderán facelo en diferentes puntos de venda. En Chandrexa de Queixa estarán dispoñibles no Restaurante, Casa González, Bar Cardiego e Casa do Concello; en Castro Caldelas, no Bar O Pote; en Monterrei, no Bar Álvarez Taxi; e na Pobra de Trives, na Cafetería Sky e na Ferretería Medina.

A XV Festa do Cordeiro está organizada polo Concello de Chandrexa de Queixa coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e Inorde Turismo Ourense.

0.14669799804688