Celebran un congreso na Ribeira Sacra para impulsar a súa candidaura a Patrimonio da Humanidade

RibeiraSacraXa
A candidatura, bautizada como "Ribeira Sacra: Paisaxe da auga", comezou o seu camiño en 2017, co apoio activo dos concellos, institucións, axentes económicos, sociais e a veciñanza
Vendima-Ribeira-Sacra
29 sep 2024

A Xunta de Galicia reiterou o seu compromiso coa candidatura da Ribeira Sacra para ser recoñecida como Patrimonio Mundial pola Unesco no ano 2026. Coincidindo coas xornadas de Retiro do equipo de Goberno galego celebradas na Ribeira Sacra, o Executivo autonómico subliñou a súa implicación total para lograr esta distinción internacional, que recoñecería a importancia da paisaxe e cultura desta zona.

A candidatura, bautizada como "Ribeira Sacra: Paisaxe da auga", comezou o seu camiño en 2017, co apoio activo dos concellos, institucións, axentes económicos, sociais e a veciñanza. Segundo destacou a Xunta, a Administración autonómica, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está cumprindo cos requisitos e trámites necesarios, confiando en que a resolución de 2026 será favorable.

Como parte deste esforzo, a finais de outubro celebrarase en Nogueira de Ramuín o congreso internacional "Fontes", que terá lugar no parador de Santo Estevo. Este evento, que se desenvolverá os días 27, 28 e 29 de outubro, contará coa participación de expertos culturais, investigadores, representantes de institucións e administracións, tanto galegas como doutras comunidades autónomas.

O obxectivo do foro será debater sobre a xestión de espazos declarados Patrimonio Mundial e promover sinerxías que dean impulso á candidatura da Ribeira Sacra. A Xunta agradeceu a implicación de todos os sectores vinculados co patrimonio, a cultura e o turismo, destacando o seu papel clave para revitalizar a candidatura da Ribeira Sacra e conseguir o recoñecemento como Patrimonio Mundial en 2026.

0.18164205551147