CCOO denuncia que os bombeiros forestais de Chantada levan seis anos agardando por unhas instalacións dignas

RibeiraSacraXa
O sindicato reclama o traslado do punto de encontro do Distrito Forestal VIII - Terra de Lemos, que arrastra dende 2016 deficiencias detectadas e nunca corrixidas, entre elas unha única ducha para homes e mulleres
Instalacións bombeiros forestais Chantada
13 Oct 2026

O sindicato CCOO volveu denunciar o estado no que se atopa o punto de encontro do Distrito Forestal VIII - Terra de Lemos, situado en Chantada, onde presta servizo o persoal do Servizo Público de Incendios Forestais. Segundo explica a organización sindical, seis anos despois de trasladar esta mesma denuncia á Inspección de Traballo, as condicións do lugar apenas variaron: o persoal segue cambiándose de roupa sen uns vestiarios axeitados, comparte unha única ducha entre homes e mulleres e convive con problemas de humidades e goteiras.

CCOO sitúa a orixe do problema nunha avaliación de riscos realizada en 2016 polo propio Servizo de Prevención sobre as instalacións da rúa do Rego, número 3, en Chantada. Aquel informe xa recollía numerosos incumprimentos e fixaba medidas correctoras con prazos definidos para a súa execución, algo que, segundo o sindicato, nunca chegou a materializarse.

Entre as deficiencias sinaladas daquela atopábanse a falta de taquillas suficientes e a ausencia dunha separación clara entre a zona limpa e a zona sucia —é dicir, entre a roupa de traballo e a de rúa—, así como o uso do propio garaxe como improvisado vestiario. O informe tamén apuntaba problemas nas condicións termohigrométricas, a falta dun itinerario independente para o paso das persoas separado do dos vehículos, carencias na iluminación de emerxencia e riscos asociados aos gases xerados polos vehículos estacionados no garaxe. A isto súmase, segundo CCOO, un acceso considerado inadecuado para a saída dos vehículos motobomba en caso de emerxencia, debido á súa estreiteza.

A Inspección de Traballo foi informada en 2020

Ante a falta de avances, CCOO trasladou a situación á Inspección de Traballo no ano 2020. No escrito presentado denunciábase que nin a avaliación de riscos de 2016 nin o seu correspondente plan de acción foran executados, e que as instalacións incumprían os requisitos mínimos de seguridade e saúde esixibles en calquera lugar de traballo.

O sindicato lembra ademais que o Comité de Empresa xa solicitara previamente, por escrito, unha nova avaliación de riscos e a posta en marcha do plan de acción correspondente, sen obter resposta por parte da Consellería de Medio Rural.

35 traballadores afectados

De acordo cos datos achegados no seu momento á Inspección de Traballo, o punto de encontro de Chantada dá servizo a 35 persoas traballadoras, distribuídas en distintas categorías e quendas que cobren as 24 horas do día.

Para CCOO, resulta especialmente chamativo que estas deficiencias afecten precisamente ao persoal encargado da prevención e extinción de incendios forestais. "É difícil explicar que unha Administración que presume de ter un dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais non sexa capaz de garantir unhas condicións básicas para o persoal que forma parte dese dispositivo", sinala o sindicato.

Varias alternativas estudadas, ningún traslado efectivo

CCOO explica que, tras a negativa do propietario do inmoble a acometer as obras necesarias, chegáronse a estudar distintas alternativas para trasladar o punto de encontro. Nun primeiro momento valorouse a posibilidade de empregar un solar cedido polo Concello de Chantada no polígono industrial; máis adiante, a opción pasou polo alugueiro dunha nave. Con todo, seis anos despois, os bombeiros forestais continúan traballando nas mesmas instalacións de partida.

O sindicato resume así unha década de xestións sen resultado: avaliación de riscos en 2016, reclamación do Comité de Empresa en 2019, denuncia ante a Inspección de Traballo en 2020 e, en 2026, o persoal segue á espera dunha solución.

As reivindicacións do sindicato

CCOO reclama o traslado do punto de encontro a unhas instalacións axeitadas, dotadas de vestiarios dignos e suficientes, con separación entre zona limpa e zona sucia para depositar os equipos de protección individual contaminados, así como unha separación adecuada entre a roupa de traballo e a de rúa. O sindicato pide tamén instalacións sanitarias e duchas suficientes, garantías de seguridade e emerxencia, e un acceso seguro e funcional para os vehículos motobomba.

"Os bombeiros forestais de Chantada non necesitan máis promesas, máis proxectos sobre o papel nin máis escusas. Necesitan unhas instalacións dignas para traballar. Levan seis anos esperando por unha solución que nunca chega", conclúe CCOO, que anuncia que continuará denunciando publicamente esta situación e reclamando á Consellería de Medio Rural o cumprimento das súas obrigas en materia de seguridade e saúde laboral.

0.16918897628784