CCOO convoca asembleas para analizar as negociacións dos convenios do Metal e Comercio do Metal

Comisións Obreiras de Lugo convocou as traballadoras e traballadores dos sectores do Metal e Comercio do Metal a participar en varias asembleas informativas ante a falta de avances significativos nas negociacións dos convenios colectivos.
Despois de varias reunións entre as partes sen grandes avances, CCOO considera necesario trasladar a situación ao persoal afectado, abrir un espazo para o debate e abordar de maneira colectiva as decisións que se deberán tomar de cara ao futuro dos convenios.
As asembleas desenvolveranse en diferentes puntos da provincia durante o mes de setembro. A primeira terá lugar en Monforte o martes 15 de setembro, ás 19.30 horas, no local dos sindicatos.
Ao día seguinte, mércores 16 de setembro, será a quenda de Vilalba, tamén ás 19.30 horas. Finalmente, a asemblea de Lugo celebrarase o xoves 17 de setembro, ás 19.30 horas, no Edificio Sindical.
Durante estes encontros, o sindicato analizará coa representación das persoas traballadoras a evolución das negociacións dos convenios e valorará as diferentes alternativas e próximos pasos a seguir ante a situación actual.
CCOO Lugo anima as traballadoras e traballadores dos dous sectores a participar nestas reunións para coñecer de primeira man o estado das negociacións e contribuír á toma de decisións sobre o futuro dos seus convenios colectivos.
Desde o sindicato destacan a importancia da participación dos traballadores neste proceso e fan un chamamento a acudir ás asembleas, difundilas e participar activamente nas decisións que se adopten.