Catorce establecementos de turismo rural de Ourense súmanse á 20ª edición do Outono Gastronómico

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A iniciativa, que se desenvolve ata o 20 de decembro, combina estadías en turismo rural con propostas gastronómicas e actividades complementarias, con paquetes de entre 40 e 375 euros
20 Outono Gastronómico
5 Oct 2026

A 20ª edición da campaña 'Outono Gastronómico no Turismo Rural' desenvólvese desde o 18 de setembro ata o 20 de decembro coa participación, na provincia de Ourense, de catorce establecementos de turismo rural repartidos polos concellos de Allariz, Baltar, Celanova, Cenlle, Coles, Lobios, Monterrei, Parada de Sil, A Veiga, Rairiz de Veiga e Ramirás. A iniciativa ten como obxectivo dinamizar o turismo no ámbito rural, reducir a estacionalidade durante estes meses e impulsar o sector no seu conxunto.

O programa ofrece distintas modalidades para adaptarse a diferentes necesidades: un menú gastronómico sen aloxamento incluído, un paquete pensado para estadías dunha noite, unha proposta de fin de semana con dúas noites de duración, e unha opción ampliada —denominada Outono Plus— que incorpora actividades adicionais á programación da fin de semana, como paseos a cabalo, surf, sendeirismo ou visitas a adegas. Os prezos dos distintos paquetes oscilan entre os 40 e os 375 euros.

Esta proposta naceu en 2007 da man da rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia e enmárcase nos obxectivos da Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia, centrada en avanzar na desestacionalización da oferta turística e nunha redistribución máis equilibrada da actividade polo territorio, constituíndo un apoio relevante para a promoción do turismo rural.

Ao longo das súas distintas edicións, a campaña xa reuniu a máis de 110.000 persoas e xerou un impacto económico superior aos 7,3 millóns de euros no sector do turismo rural galego, a través das estadías realizadas nos establecementos adheridos ao programa en toda Galicia.

Despregue publicitario

Turismo de Galicia puxo en marcha unha campaña de difusión que combina soportes físicos e dixitais. Entre o 7 de setembro e o 7 de outubro estanse a desenvolver accións publicitarias en autobuses urbanos e metropolitanos da cidade de Ourense, en concreto en cinco vehículos. A esta acción súmanse outras en redes sociais e en medios audiovisuais, con cobertura en toda Galicia, o norte da Península, o norte de Portugal e Cataluña.

A estratexia promocional conta ademais coa colaboración de dez creadores de contido, convidados durante as dúas primeiras fins de semana da campaña —os días 18 a 20 e 25 a 27 de setembro—, que se comprometeron a realizar publicacións nas súas redes sociais.

Desde o 7 de setembro está activo, así mesmo, un espazo específico na web de Turismo de Galicia con toda a información da iniciativa e coa guía informativa dispoñible para a súa descarga. Como reforzo a esta difusión, editáronse 8.400 guías informativas e 500 carteis, distribuídos entre os puntos adheridos á campaña, preto de 90 oficinas de Turismo de Galicia, a Oficina de Turismo de Madrid (Casa de Galicia) e as catro Áreas Provinciais de Turismo da Xunta de Galicia, garantindo así unha ampla presenza da campaña nos principais puntos de información turística.

0.15106105804443