Castro Caldelas encherá agosto de música, exposicións, festas populares, cine e actividades culturais

RibeiraSacraXa
O Concello presenta unha programación que se desenvolverá ao longo de todo o mes en diferentes espazos do municipio
castelo-Castro-Caldelas
31 Jul 2026

O Concello de Castro Caldelas deu a coñecer a programación de actividades para o mes de agosto, un calendario que combinará concertos, exposicións, festas patronais, folclore, cine ao aire libre e propostas deportivas en distintos puntos do municipio.

A programación comezará o venres 1 de agosto co concerto de música tradicional do grupo Os do Fuelle, que terá lugar ás 20.00 horas no Castelo de Castro Caldelas. A actuación está financiada a través do programa ReaOU da Deputación de Ourense.

O sábado 2 de agosto celebrarase a inauguración da exposición 'Mundos Oterianos dende Caldelas', prevista para as 18.00 horas no Castelo. Ese mesmo día tamén abrirá as súas portas a exposición de traballos de gancho elaborados pola Asociación de Maiores.

As festas populares ocuparán boa parte da programación ao longo do mes. O 8 de agosto celebraranse as festas de Pedrouzos e, un día despois, as de Santa Tegra. O 15 de agosto coincidirán as festas do Burgo e de Aguil coa celebración das Xornadas de Folclore, que se desenvolverán a partir das 22.00 horas na Praza do Prado.

A programación continuará o 22 de agosto coas festas de Alais e o día 23 coa proxección da película 'Quién es quién', dentro do ciclo de Cine de Verán, que dará comezo ás 22.00 horas no patio do Castelo.

O calendario de actividades inclúe tamén unha sesión de zumba na Praza do Prado o 25 de agosto, a partir das 20.00 horas, e concluirá o día 30 coa celebración do Folión Pequeno.

Desde o Concello destacan que a programación busca ofrecer alternativas de lecer para todos os públicos durante o mes de agosto e dinamizar a vida social e cultural do municipio.

0.11911678314209