Case 700 persoas únense en Monforte na loita contra o cancro

RibeiraSacraXa
A iniciativa solidaria percorreu este domingo as rúas da cidade para recadar fondos destinados á atención de pacientes e familiares e á investigación oncolóxica
Andaina-contra-cancro-monforte-2026
13 Sep 2026

Preto de 700 persoas responderon este domingo á chamada da solidariedade en Monforte de Lemos coa súa participación na quinta edición da Carreira e Andaina "Monforte en Marcha contra o Cancro". A iniciativa, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) coa colaboración do Concello, volveu combinar deporte e sensibilización para apoiar a loita contra a enfermidade.

A actividade concentrou desde as 11.00 horas a centos de persoas na Explanada da Compañía, onde se habilitou unha carpa para entregar camisetas e dorsais. Ás 12.00 horas deuse a saída a unha proba na que os participantes puideron optar por correr ou completar o itinerario camiñando.

A recadación da iniciativa destínase á atención de pacientes con cancro e das súas familias, así como á investigación oncolóxica. Desde a AECC agradeceron a implicación dos monfortinos e monfortinas nunha convocatoria que alcanzou nesta edición unha participación próxima ás 700 persoas.

O percorrido partiu da Explanada da Compañía e continuou pola rúa Compañía, Paseo de Lugo, Carude, San Lázaro e Reboredo antes de regresar cara ao centro por Dalmiro de la Válgoma, Escultor Francisco Moure e novamente Compañía. Tras chegar á glorieta de acceso ao Parque dos Condes, os participantes regresaron ao punto de partida. Os corredores completaron dúas voltas ao circuíto, sumando cinco quilómetros.

GAÑADORES. Na categoría feminina, Luisa González Somoza conseguiu a primeira posición, seguida de Martina Navia López e Marta Rivera Vázquez. Na masculina, o triunfo foi para Adrián Parada López, mentres que Serafín Rodríguez Rodríguez terminou segundo e Tomás Díaz Fernández, terceiro.

A marcha contou tamén coa participación do alcalde, José Tomé Roca; a tenente de alcalde, Gloria Prada; varios integrantes da Corporación municipal e o presidente da Asociación Española Contra o Cancro na provincia de Lugo, José Manuel Rozas Bello.

O Concello colaborou na organización mediante as áreas de Deportes e Policía Local, participando no deseño do percorrido e no dispositivo necesario para garantir a seguridade. A administración local facilitou valados para delimitar o circuíto, servizo de ambulancia e efectivos de Protección Civil, mentres que a Policía Local se encargou da regulación e vixilancia do tráfico durante a proba.

José Tomé agradeceu a resposta da veciñanza e destacou que, máis alá de participar correndo ou camiñando, "o realmente importante é estar presentes e sumar todo o apoio posible á loita contra o cancro".

A colaboración entre o Concello e a AECC mantense tamén ao longo do ano. Entre outras medidas, a administración municipal ten cedidos tres locais á entidade na provincia de Lugo.

0.14662098884583