Carmela López propón pactar coa Xunta un modelo de financiamento municipal

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A presidenta da Deputación presentou os Orzamentos provinciais no Parlamento, os cales contan con case 20 millóns de euros máis que no ano vixente
Xunta-de-Goberno-mobilidade-Carmela-Lopez
2 Nov 2026

A Deputación de Lugo disporá no ano 2027 dun orzamento de 155.206.521 euros, unha cifra histórica que é posible grazas á xestión económica que a Deputación veu facendo nos últimos anos e á participación nos ingresos do Estado.

As contas de 2027 crecen un 14,77% respecto ás do exercicio vixente, segundo deu a coñecer a presidenta da Deputación, Carmela López, este luns no Parlamento de Galicia. Porén, a dirixente foi máis aló e aproveitou a comparecencia na Cámara galega para retar a Xunta a abrir o debate sobre o modelo de reparto dos fondos públicos aos concellos.

“Falemos das competencias e dos servizos que estamos asumindo. Quero un acordo que nos obrigue a todos. Tamén a min. Porque hai algo que como alcaldesa de Burela teño moi claro. Non quero depender de quen goberne noutra institución. E tampouco quero que ningún dos 67 concellos dependa de quen presida a Deputación ou a Xunta de Galicia en cada momento”, afirmou López.

A presidenta da Deputación quixo incidir na idea de que “os recursos públicos non son favores que conceden os gobernos”, senón que “pertencen á cidadanía”. Por iso, propón ir a un modelo no que, cando cambien os gobernos non cambien as regras para os concellos. Os criterios deben ser obxectivos, estables e públicos, defendeu na Cámara galega.

Os Orzamentos da Deputación: 20 millóns adicionais

Os Orzamentos da Deputación para 2027, que o goberno prevé someter a debate e a aprobación no pleno este mes, contan con case 20 millóns de euros máis que no ano vixente.

Ese incremento permitirá elevar a cooperación económica directa cos concellos, a través do Plan Deputación, que crece en 2,75 millóns de euros, ata os 25 millóns.

O incremento orzamentario tamén permitirá destinar máis recursos aos eixes cos que o goberno provincial trata de mellorar os servizos aos veciños e de reequilibrar e facer máis competitivo o territorio: as estradas, a atención ás persoas, a prevención e a resposta ás emerxencias e o apoio a sectores económicos que son vitais para a provincia.

Nesta liña, o capítulo de investimentos reais crecerá un 58,92%, ata os 31.053.156 euros.

Máis fondos e axuda técnica para os concellos: do SAF e as estradas aos drons e a intelixencia artificial

“A Deputación é o concello dos concellos e a súa principal razón de ser é apoiar os 67 municipios da provincia”, destacou a presidenta da institución na súa comparecencia.

Por esa razón, o Plan Deputación 2027 sobe dos 22,24 aos 25 millóns de euros. É un 12,4% máis, fronte ao incremento de 250.000 euros que se viña facendo ata agora en virtude ao acordo de goberno PSOE-BNG.

A Deputación aposta por reforzar un modelo de reparto dos fondos que parte dun mínimo fixo de 150.000 euros e que basea a parte variable en criterios obxectivos (poboación, dispersión, envellecemento...). Outra das fortalezas do Plan Deputación é que permite que sexan os concellos os que decidan o destino da axuda. Coa proposta de 2027, recibirán máis fondos 63 dos 67 concellos, posto que os outros catro xa perciben a contía máxima.

Porén, a presidenta defendeu que o obxectivo da Deputación non só é achegar financiamento aos concellos, senón dotalos de capacidade técnica. “Queremos unha Deputación que non se limite a transferir fondos, senón que tamén ofreza coñecemento, ferramentas e capacidade de xestión”, sinalou.

Os Orzamentos de 2027 recollerán de novo fondos para continuar mellorando o servizo de Recadación que a institución presta aos concellos a través dunha aplicación informática que está botando a andar. A este fin irá destinado un millón de euros.

A Deputación tamén continuará investindo en Mencía, a estratexia que lanzou hai uns meses para incorporar a intelixencia artificial de maneira segura e responsable á administración provincial e aos concellos. “O obxectivo é poder compartir ferramentas que fagan máis áxiles os procesos internos e que faciliten a relación dos cidadáns coa administración, sen substituír o criterio dos profesionais e permitindo liberar os traballadores de certas tarefas para que poidan dedicar máis tempo a outras”, resume López.

Os Orzamentos de 2027 tamén serán innovadores porque recollerán unha partida para impulsar un servizo provincial de drons. O obxectivo é prestar asistencia técnica aos municipios nas actuacións relativas a materias nas que a normativa o permite, como a xestión do territorio, as infraestruturas e o medio ambiente.

Case cinco millóns máis para manter a rede provincial de estradas

As comunicacións volverán ter unha importancia capital nos Orzamentos da Deputación dado que, como se sabe, ten ao seu cargo a rede de estradas máis ampla do territorio español, de 4.217 quilómetros.

A partida de estradas ascenderá a 23,65 millóns de euros, 4,75 millóns máis que en 2026. É un incremento do 25,1% que supón unha aposta pola conservación e o mantemento.

O bo estado da rede viaria é fundamental, por unha banda para a seguridade de quen habita e transita polo territorio, e por outra, para manter a poboación e favorecer a actividade económica. Por iso “a Deputación responde pola súa rede”, destacou López na comparecencia parlamentaria. E para iso, en 2027 a administración provincial tamén reforzará os medios propios cos que conta para este fin. A partida para o parque móbil será un 89% superior á de 2026.

Un 11% máis de fondos para reforzar e adaptar o modelo de emerxencias: GES, parque de bombeiros na Montaña e un programa de Protección Civil

Nunha provincia extensa, dispersa e envellecida, a prevención e a atención ás emerxencias é vital. A Deputación, dentro das competencias que ten, reservará fondos en 2027 para reforzar o sistema e avanzar cara a un modelo máis robusto e adaptado á realidade territorial.

A partida de emerxencias sumará 5,51 millóns de euros, un 11% máis que en 2026. A achega ao Consorcio Provincial de Bombeiros situarase en 4,56 millóns de euros, xa que se consignará diñeiro para seguir reforzando os medios materiais e humanos do Consorcio e para tratar de avanzar na integración dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) neste organismo.

Esta é unha proposta na que López vén traballando dende que se puxo á fronte da Deputación e que abordou xa en abril coa Xunta, a administración que, xunto á Deputación, conforma o Consorcio. A Deputación conta cunha proposta xurídica e económica que está en disposición de trasladarlle á Administración autonómica, tal como esta lle demandou hai uns meses.

O actual sistema de GES ten debilidades e a desaparición de grupos na Montaña fai necesario reformular e reforzar o modelo de emerxencias, remarcou López. Por esa razón, os Orzamentos tamén recollerán unha partida para facer o proxecto para un parque de bombeiros na Montaña.

Así mesmo, os Orzamentos inclúen 204.300 euros para facer “totalmente” cardioprotexida a provincia de Lugo.

“A seguridade non pode depender de onde vivas. A Deputación está preparada para avanzar, pero necesitamos a cooperación da Xunta e dos concellos”, afirma a presidenta.

A responsabilidade de coidar as persoas maiores: máis de 16 millóns de euros

A atención ás persoas maiores seguirá sendo unha das prioridades da Deputación.

Sen ser unha competencia propia da Deputación senón da Administración autonómica, o goberno que dirixe López continuará impulsando a construción de residencias de maiores, tras desbloquear proxectos nos últimos meses, e consigna fondos tanto para obras como para poñer a funcionar algunha delas.

A institución provincial destinará 16,17 millóns de euros, un 37% máis que en 2026, para os nove centros de atención a maiores que ten en funcionamento e os catro que está executando. O obxectivo é avanzar no modelo de atención de proximidade que puxo a andar hai anos, algo que ademais repercute no emprego e nas economía dos concellos nos que se sitúan as residencias.

“Unha residencia non é só un edificio no que se prestan coidados. É unha decisión sobre como queremos que as persoas poidan envellecer na nosa provincia”, afirma López, quen ademais defendeu que a ampliación de dereitos non pode supoñer trasladar indefinidamente responsabilidades á administración provincial. Esta pediulle recentemente á Xunta que lle transferise o diñeiro que lle custa a atención ás persoas maiores.

Apoio a sectores produtivos, coidado do medio ambiente e promoción do deporte, a cultura e o tecido asociativo

“O futuro non depende só de ter estradas e servizos básicos. Tamén necesitamos emprego, cultura, deporte, participación e oportunidades para a mocidade”, defendeu a presidenta da Deputación no Parlamento.

Por esa razón, a institución mantén o seu apoio a sectores produtivos que son vitais para a provincia, como a gandaría, a través de distintas fórmulas. Unha delas é a colaboración co campus universitario, que permite, entre moitas outras accións, que os seus alumnos poidan facer prácticas na Granxa Experimental de Leite Gayoso Castro. A esta instalación, que ademais presta servizos directos aos gandeiros, van destinados 2,72 millóns, un 27,8% máis que en 2026.

Igualmente, o turismo é un elemento motor da provincia. Ás rutas fluviais que a Deputación ofrece polo Miño e polo Sil irán destinados 1,63 millóns de euros, un 74,9% máis que neste exercicio. Pero o turismo e a dinamización do territorio ten que ser compatible coa preservación do medio natural, por iso a Deputación seguirá facendo un esforzo especial no coidado da ampla superficie que abranguen as dúas Reservas da Biosfera que están ao seu cargo: Ancares e Terras do Miño, que suman 29 concellos e máis de 400.000 hectáreas. A elas irán destinados 685.000 euros, un 29% máis que en 2026.

No que ten que ver con outro tipo de patrimonios, a Deputación conta cunha rede museística na provincia á que se destinarán novos investimentos nos Orzamentos do próximo ano, elaborados man a man coa Vicepresidencia da institución. O Museo Provincial, o Museo de San Paio de Narla e o Museo do Mar sumarán só en obras e equipamentos 738.200 euros.

Ás instalacións deportivas e ao fomento do deporte irán destinados 4,66 millóns de euros. A Deputación seguirá apoiando clubs e entidades deportivas, pero tamén doutros eidos, como da cultura e do resto do tecido asociativo.

López pechou a súa intervención no Parlamento salientando que os Orzamentos que deu a coñecer son o resultado de “moitos meses de escoita e de traballo en equipo” e foron elaborados “pensando nas necesidades dos veciños que habitan cada un dos 67 concellos da provincia”.

0.15866494178772