Carballedo acolle unha nova parada da Cantina Social da Cruz Vermella este venres

RibeiraSacraXa
A iniciativa busca crear espazos de encontro veciñal con actividades de estimulación cognitiva e memoria dirixidas ás persoas maiores
Cantina Social Cruz roja Carballedo
8 Sep 2026

A Cruz Vermella de Lugo segue a desenvolver o seu programa Cantina Social a través das chamadas Saídas Rurais, unha iniciativa que leva actividades comunitarias e sociais a distintas zonas rurais da provincia.

O proxecto está pensado especialmente para as persoas maiores destas localidades, coas que se realizan dinámicas de estimulación cognitiva e exercicios de memoria. Entre as propostas destaca o uso de gafas de realidade virtual, coas que os participantes poden "viaxar" a outros lugares sen saír do seu concello. Ademais do seu compoñente participativo, a iniciativa pretende converterse nun punto de encontro estable para os veciños e veciñas de cada zona.

A vindeira cita destas Saídas Rurais terá lugar o venres 11 de setembro no Campo da Festa de Buciños, no concello de Carballedo, en horario de 11.30 a 13.30 horas.

A actividade está aberta a persoas de todas as idades que queiran compartir un bo rato cos seus veciños. As persoas interesadas en participar poden anotarse a través do Concello de Carballedo, no teléfono 982 46 62 01, preguntando por Raquel.

Para máis información tamén se pode contactar coa Cruz Vermella no teléfono 649108824, no correo marta.horban@cruzroja.es, ou de xeito presencial na súa sede da avenida de Madrid, en Lugo.

A actividade está organizada e conta coa colaboración do Concello de Carballedo, a Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, a Cátedra UNESCO Transformative Education: Science, Communication and Society da mesma universidade, e Cruz Vermella.

0.17320513725281