Candidaturas municipalistas das catro provincias reuniranse en Chantada para avanzar nun novo poxecto eletoral

RibeiraSacraXa
Agora Galicia constitúese como espazo de encontro de candidaturas municipalistas galegas co obxectivo de seguir medrando como cuarto espazo político
agora-galicia
16 Apr 2026

Candidaturas municipalistas de distintas zonas das catro provincias galegas celebrarán o vindeiro 25 de abril en Chantada unha xornada de encontro co obxectivo de seguir avanzando na construción dunha confederación de proxectos locais que aspire a consolidarse como “cuarto espazo político do País” e definir o seu modelo de concorrencia ás eleccións municipais de 2027.

Segundo explican as propias candidaturas de Agora Galicia, o proceso parte dun espazo “plural de defensa da mairía social fronte á onda reaccionaria global”, no que se foron incorporando novas propostas locais desde o primeiro encontro celebrado en marzo de 2025. O obxectivo do encontro é profundar nun modelo organizativo común, sen renunciar á autonomía de cada proxecto local.

A proposta que se debaterá en Chantada pasa por unha fórmula de coalición especificamente deseñada para as municipais de 2027, aberta a novas incorporacións e baseada na autonomía local. Esta estrutura permitiría manter as siglas propias en cada municipio e, ao mesmo tempo, facilitar acordos con outras forzas políticas e sociais a nivel local ou de partido xudicial.

O esquema tamén busca optimizar a representación institucional, ao sumar votos a escala de partido xudicial de cara ás deputacións, ao tempo que preserva a capacidade de decisión das candidaturas nos seus ámbitos, tanto en materia financeira como na designación de representantes supramunicipais.

No plano organizativo, as candidaturas municipalistas prevén dotarse dunha Coordinadora integrada por unha persoa representante de cada localidade, así como dun Código Ético común.

“Cremos firmemente na cooperación dos proxectos de base e cos movementos da cidadanía para, desde os concellos, poidamos construír unha ferramenta plural ao servizo do país, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras e para mobilizar abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e a convencer votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas”, sinalan nun comunicado.

“Temos mirada e horizonte propio, pero coas xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro coas forzas políticas e sociais e, sobre todo, co conxunto do tecido social de base e coa cidadanía do noso país acompañando as súas arelas e necesidades e loitando por defender os servizos sociais e por un futuro mellor para Galicia”, explican, asegurando que nun contexto internacional que cualifican de complexo, as candidaturas municipalistas sitúanse “claramente contra a vaga reaccionaria global”, defendendo unha acción institucional local orientada á xustiza social e á loita contra a mudanza climática.

0.11024403572083